A carda, a cuarza, o bicho e a moura son catro cápsulas illantes feitas de la e vimbio. Son móbiles, contan cunha pedra de seixo que funciona coma contrapeso para que poidan subirse e baixarse.

No seu interior escóitanse paisaxes sonoras da cova do Pico Sacro. A furada é unha sima que atravesa as profundidades da montaña de seixo, e ten a peculiaridade de que é capaz de conter no seu interior o son da súa contorna. Este entra polas bocas e retórcese dentro dela, suspendido, xerando un eco do exterior. Calquera son de fóra: os avións, paxaros, cortadoras de céspede, explosións da mina de seixo de Serrabal… queda atrapado na cova, realimentándose e provocando calquera tipo de efecto acústico, coma se a sima fose a memoria sonora da parroquia. Se as voces da contorna quedaban rebotando nas súas paredes, tiñan que soar diferente dependendo do que pasase arredor. Que quedaba aí metido?

As gravacións foron feitas ao longo do 2025, das que hai máis información na páxina de xscxxtxr.org.

A carda, a cuarza, o bicho e a moura

Vimbio, la, corda, pedra de seixo, poleas, altavoz, amplificador, reprodutor audio

La: Luis Villares
Vimbio: Alba F. Castro
Fotografías: Denis Estévez

Comisariado: Mónica Alonso
26 febreiro - 6 setembro 2026
Museo Centro Gaiás