A carda, a cuarza, o bicho e a moura son catro cápsulas illantes feitas de vimbio e la. Suben e baixan por un sistema de poleas gracias a unha pedra de seixo que funciona coma contrapeso.

No seu interior escóitanse paisaxes sonoras da cova do Pico Sacro. Unha sima que atravesa as profundidades do monte de seixo e que ten a peculiaridade de ser capaz de conter no seu interior todo o son da súa contorna. As ondas entran polas bocas norte e leste e retórcense dentro da furada, suspendidas, xerando un eco do exterior. Calquera son de fóra (avións, paxaros, cortadoras de céspede, explosións da mina de seixo de Serrabal) queda atrapado na cova, realimentándose e provocando todo tipo de deformacións acústicas, coma se a sima fose a memoria sonora da parroquia. Se as voces da contorna poden quedar rebotando nas súas paredes, ata cando o fan? cales se gardan? cambian dependendo do momento? que nos poden ensinar de como se organizan?

As gravacións destas memorias sonoras foron feitas ao longo do 2025, en todas as estacións do ano. Para escoitalas: https://xscxxtxr.org/especial/o-pico-sacro/.

A carda, a cuarza, o bicho e a moura

Vimbio, la, corda, pedra de seixo, poleas, altavoz, amplificador, reprodutor audio

La: Luís Villares, Araceli Pillado, Eloi Villada
Vimbio: Alba F. Castro
Fotografías: Denís Estévez

Comisariado: Mónica Alonso
26 febreiro - 6 setembro 2026
Museo Centro Gaiás