Cronoloxía escritura acusmática

Cronoloxía de eventos relacionados co traballo de investigación arredor da escritura acusmática. Setras e sonas.

A idea de facer unha cronoloxía de acontecementos relacionados co sonoro e a escritura, nun sentido amplo, xurde por un lado ao ler a cronoloxía realizada por Helga de la Motte-Haber na súa traducción ao castelán publicada en Escucha, por favor; e por outro lado pola necesidade de poñer un pouco de orde á información que vou recollendo no proceso de investigación sobre a escritura acusmática, unha tese que comecei no 2018 e que continua co traballo iniciado co libro Setras. Información que tamén vou acumulando na conta de instagram @arquivo.de.sonas con algún debuxo en @lausela

A cronoloxía está ordenada transversalmente por cores:

A cor alaranxada, acompañada pola icona dunha campá que soa, agrupa aos eventos que teñen que ver co pensamento. Estudos, escritos, ideas, publicacións, etc…

A cor azul, acompañada pola icona dun circuíto de hardware, agrupa aos eventos que teñen que ver co desenvolvemento tecnolóxico.

A cor verde, acompañada pola icona dunha nota musical e un marco, agrupa ás pezas artísticas.

Esta é unha clasificación orientativa xa que os lindes tampouco están claros. Ten a función de acceder a ela cun ollar rápido e obedece máis a cuestións intuitivas que taxonómicas. É evidente que por exemplo o Manifesto Letrista é unha peza artística pero está en pensamento. A clasificación debe entenderse con sentido do humor e dende un punto de vista situado.

Non é aínda unha cronoloxía pechada, e igual é difícil que o estea.
Esta cronoloxía foi presentada no 5º Congreso Internacional Espacios Sonoros y Audiovisuales. JIEM 2020 – 23ª Jornadas de Informática y electrónica musical.

Cronoloxía

  • 500 a.C.
    • Pitágoras. Dúas clases de alumnos: matemáticos e acusmáticos. Os acusmáticos non podían ver a Pitágoras durante cinco anos mentres recibían as súas leccións. Entre eles había unha cortina.
  • c. 430 a.C. – c. 360 a.C
    • Arquitas de Tarento. Relaciona os sons graves (baréa) e agudos (oxéa) coa velocidade (Filosofía y consuelo de la música, p222). Relación que tamén está moi presente na escritura acusmática.
  • Séc III
    • Caligrafía uncial. O alfabeto latino aparece escrito por primeira vez redondeado. Recibe o nome de caligrafía uncial por un erro de comprensión dun texto de san Jerónimo.
  • Séc V
  • 783
    • Evanxeo de Godescalco. Aparece a minúscula carolina no poema dedicatorio escrito por Godescalco na parte de atrás do libro do Evanxeo de Godescalco. (La historia de la escritura p.66)
  • 1455
    • Primeira noticia da invención da imprenta de Gutenberg. Nunha carta escrita o 12 de marzo de 1455 por Eneas Silvio a Juan de Carvajal aparecen as primeiras novas sobre impresións feitas por Johannes Gutenberg co seu prototipo de imprenta. (La historia de la escritura p.113)
  • 1726
    • Geoffry Gilbert afirma, nun tratado sobre probas legais, que a xente se distingue pola súa escritura tanto como polo seu rostro. Crese que é a primeira vez que se admiten estas diferencias individuais baseadas na escritura nun contexto legal. Nunha época na que aparece a idea de relacionar a letra e a individualidade. (La historia de la escritura p.203)
  • 1837
    • Samuel Morse e o seu axudante Alfred Vail patentan o chamado Código Morse. A linguaxe reducida a un punto e unha raia (que debe durar o que se tarda en facer tres puntos). Un dos códigos sonoros máis transcendentes, de base dixital, e un exemplo do que logo Pierre Schaeffer deu en chamar a escoita semántica. (La historia de la escritura p.256)
    • Stenographic Soundhand. Isaac Pitman publica este sistema de escritura que logo ampliaría en 1840 co traballo Phonography, or Writing by Sound; being a natural method of writing, applicable to all languages, and a complete system of Short-hand cun alfabeto sonoro de 36 signos.
  • 1854
    • Walden. Henry David Thoreau. Ao ler as páxinas do libro Walden e sobre todo as que se corresponden co capítulo titulado sons, aparece unha descrición moi especial da paisaxe e en concreto dos sons da paisaxe da lagoa. Pode entenderse coma unha sensibilidade precursora do que logo deu en chamarse Paisaxe Sonora.
  • 1857
    • Phonautographe. Edward León Scott de Martinville inventa a primeira máquina para rexistrar o son e faino a través da escritura. Phonautographe significa literalmente “escritura de voz”. Non grava o son acústico pero si a súa representación gráfica en forma de onda.
  • 1868
    • Gramática gallega. A imprenta de Manuel Soto Freire publica en Lugo Gramática Gallega de Juan Antonio Saco y Arce considerada coma a primeira gramática galega. Nela xa anota as vogais abertas e pechadas, a abundancia de ditongos, e a ausencia do j no alfabeto galego entre outras observacions sobre as letras.
  • 1872
    • A máquina de escribir de Remington (inventada por Christopher Sholes,​ Carlos Glidden e Samuel W. Soulé) sae ao mercado converténdose no estándar. (La historia de la escritura p.250)
  • 1897
    • Mallarmé escribe o poema Un coup de dés jamais n’abolira le hasard (Un golpe de dados xamais abolirá o azar). Precursor da poesía concreta. “Unha especie de partitura musical para ler” (La historia de la escritura p.289)
  • 1906
    • Writing & Illuminating & Lettering. Edward Johnston. A editorial Macmillan publica en Nova Iorque o libro referencia da caligrafía moderna. Johnston non contribuíu só ao estudo da acción caligráfica senón que fixo importantes aportacións ao mundo da tipografía coma o deseño da fonte Johnston en 1916 nun encargo para o metro de Londres.
  • 1913
    • Zaum. Aleksei Kruchenykh define o termo Zaum para nomear unha escrita que non ten un significado definido: “a language which does not have any definite meaning, a transrational language” that “allows for fuller expression”. O primeiro poema Zaum foi Dyr bul shchyl de Aleksei Kruchenykh. (Janecek, Gerald (1996), Zaum: The Transrational Poetry of Russian Futurism, San Diego: San Diego State University Press, ISBN 978-1879691414 pax2)
    • L’arte dei Rumori. Luigi Russolo. Manifesto futurista onde se fai una apoloxía dos ruídos e as máquinas. O campo da música na cultura occidental ábrese ao afora da linguaxe musical académica. Os ruídos e as máquinas tamén son música.
  • 1916
    • Curso de lingüística general. Os alumnos de Ferdinand de Saussure impulsan a publicación do seu libro tras a súa morte. Define o signo lingüistico composto polo significante e o significado. Limita a dous os sistemas de escritura. O sistema ideográfico onde un signo representa á palabra e o sistema fonético que representa a un son da fala.
  • 1922
    • Ursonate. Kurt Schwitters. (1922–1932). Outro dos poemas referenciais na arte sonora e poesía sonora. A escritura segue co seu camiño de perda semántica. Un claro exemplo de que a escritura se asocia ao son pola voz e a fonética, relación que resultará moi difícil de evadir.
    • Гудковая симфония (sinfonía para sirenas de fábrica). Arseny Avraamov. (1922-1932). Composición sonora que pon en práctica as proclamas futuristas. A escoita semántica diríxese cara unha escoita reducida. Os sinais acústicos empregados coma instrumento.
  • 1925
    • Ecuación de Schrödinger. A idea de probabilidade colle cada vez máis importancia. A perda da certeza e a multiplicidade de estados facilitará entender a letra independentemente da palabra.
  • 1926
    • Don Xoán. Alan Crosland. Primeira película con audio sincronizado. Aparición do cine sonoro. Fin da construción do proceso diexético no cine.
  • 1927
    • Principio de incerteza de Heisenberg. “non poden determinarse con exactitude e á vez a posición e a velocidade dunha partícula”. A incerteza xogará un papel clave na creación das setras e na ruptura co sistema de representación da linguaxe.
  • 1930
    • Wochenende. Walter Ruttmann. Película sen imaxes. Película acusmática.
    • Ornamental Sound. Arseny Avraamov. Graphical Sound ou Drawn Sound. O 20 de febreiro de 1930 Avraamov introduxo a idea do ornamental sound nunha ponencia na ARRK (Asociación de Traballadores de Cinematografía Revolucionaria) / Escucha, por favor (p77). Dous anos despois Oskar Fischinger publica no Deutsche allgemeine zeitung un traballo moi similar.
  • 1935
    • Magnetófono de cinta magnética. A compañía AEG presenta o magnetófono K1 na Berlin Radio Show. O primeiro reel-to-reel tape recorder que permite gravar son. Máis adiante o magnetófono de cinta magnética incroporaría tres cabezais: cabeza reproductora, cabeza gravadora e cabeza borradora creando o código de edición de audio tan empregado a partir de entón: editar, cortar e pegar.
  • 1943
    • Prolegómenos a una teoría del lenguaje. Louis Hjelmslev publica a súa teoría lingüistica onde expón as súas ideas de que que a linguaxe deber ser un fin en si mesmo e non un simple medio de expresión.
  • 1946
    • Sounds in the Grass. É unha serie de sete pinturas feitas por Jackson Pollock onde parafraseando a David Toop (Sound Objects pax 252) o lienzo estaba sobre o chan coma se fose un campo tridimensional onde se podían escoitar as marcas do acto de pintar-debuxar.
  • 1947
    • Manifesto letrista. Isidore Isou. As letras deben substituír ás palabras. Abaixo a semanticidade.
  • 1955
    • Bell. Atsuko Tanaka. Debuxo – espazo – son. Representación da fonética do espazo. Escritura acusmática. O espazo é un exemplo doutra linguaxe.(1, 2, 3, 4)
  • 1957
    • Laboratorio de tizas. Oteiza. (1957-1974). Durante anos Oteiza traballa con tizas para investigar sobre a forma escultórica. Crea un alfabeto escultórico infinito en perpetuo cambio. Estudo das combinacións. Unha vez rematado o laboratorio experimental Oteiza declara que xa non sente a necesidade de facer escultura.
    • Experimental Music. John Cage escribe o texto Experimental Music para a convención da Music Teachers National Association de Chicago no inverno de 1957. Define o que é música experimental (en profunda relación coa incerteza) e fai unha aposta do son polo son: “deixar que os sons sexan eles mesmos”. (Silencio. John Cage, pax.7)
    • Sonata For Loudspeakers. Composición de Henry Jacobs onde fai uso das tape loops para aislar bucles e xogar co seu son. A idea da repetición en bucle dos sons irá collendo cada vez máis importancia. É tamén base do estudo acusmático do alfabeto, a repetición contínua da escritura dunha letra.
    • Oramics. Máquina para debuxar son ideada por Daphne Oram. Foi desenvolta finalmente en 1962
  • 1958
    • Concret PH. Composición de Iannis Xenakis para o Pabellón Philips do arquitecto Le Corbusier na Exposición universal de Bruselas. Sons minúsculos e íntimos, nos lindes do audible. A composición sería logo sampleada por Hildegard Westerkamp na composición Kits Beach Soundwalk para falar precisamente deses sons diminutos que parecen escapar do espectro audible. Para ese mesmo pabellón foi encargada tamén a peza Poème électronique de Edgard Varèse
  • 1960
    • Arnulf Rainer. Peter Kubelka. Película precursora do flicker film, continuado tamén por Tony Conrad (The Flicker. 1966) ou Paul Sharits. Só se ve o que se ve. Montaxe métrico. A materia suostamente comunicativa exprésase por si mesma.
    • Composition 1960 #9. La Monte Young realiza unha partitura musical onde só hai o debuxo dunha liña horizontal. A peza conecta coa composition 1960 #10: “Draw a straight line and follow it”. (#9, #10)
    • Poems de Brion Gysin. Entre 1960 e 1962 Brion Gysin realiza este poema onde introduce o propio son da escritura. Sería publicado no ano 1972 pola Revue OU disque 40-41 de Henri Chopin. imaxe-1 e imaxe-2
  • 1962
    • Festival Fluxus en Wiesbaden. Primeira vez que se emprega o termo Fluxus. 14 concertos consecutivos.
    • How to Do Things with Words. John Langshaw Austin da unha serie de conferencias en 1955 na Universidade de Harvard que forma a base deste libro publicado en 1962. Aparece a idea de escritura (enunciado) performativa.
  • 1964
    • Grapefruit de Yoko Ono. Libro onde a artista recolle unha serie de partituras-instruccións para música, cine, danza, escrita, etc… Referencias a facer ruído con papel ao manipulalo, coma unha partitura.
  • 1965
    • Música para una pluma estilográfica. Partitura de José Cortés para Zaj. Facer “música” cunha pluma estilográfica. Partitura con diferentes formas no espazo e no tempo de facer ruído cunha pluma.
    • Akustická kresby. Milan Grygar realiza o primeiro dos seus debuxos sonoros (1, 2). Debuxos cuasi-autómatas que fan ruído e son gravados mentres se fan. Comeza a aparecer o debuxo diexético en liña coas investigacións contemporáneas arredor da música concreta.
  • 1966
    • Traité des objets musicaux. Pierre Schaeffer publica o libro Tratado dos obxectos musicais. Define o que é a música concreta e a escoita reducida. Será un texto moi revisitado que marca un punto na investigación arredor dos sons cotiáns como materia para facer música.
  • 1967
    • De la gramatología. Jacques Derrida publica un texto especialmente relacionado coa lingüística e o fenómeno da escritura. Crítico co logocentrismo e co papel de subordinación que se lle deu á escrita en relación coa voz.
  • 1968
    • Pendulum Music. Peza de Steve Reich onde uns micrófonos van e veñen cun movemento pendular emitindo o seu propio son ao interaccionar co espazo e uns amplificadores.
    • Abandonar la escritura. Manifesto de Ignacio Gómez de Liaño que publica en francés na Revue OU: “El alfabetismo no es más que una explotación” (La otra escritura: la poesía experimental española, 1960-1973 / pax 272).
  • 1969
    • World Soundscape Project. R. Murray Schafer, Barry Truax, Hildegard Westerkamp, Bruce Davis, Peter Huse. Ano de fundación do grupo de investigación sobre a paisaxe sonora na Simon Fraser University.
    • I am sitting in a room. Alvin Lucier. Realimentación e reverberación. Pérdida da semanticidade a través do espazo. Espacio/Sonido
    • The book of i’s. José Luis Castillejo. Un ano antes de escribir o libro das letras(inédito) publica este libro monográfico sobre o i.
    • La Pluie (project pour un texte). Marcel Broodthaers realiza esta película de 16mm onde escribe un texto con tinta baixo a choiva. A letra desaparece coa auga en canto se escribe. A escritura sen pegada. A escritura sen tempo.
  • 1970
    • Mirtha Dermisache escribe os seus textos, cartas, libros, fragmentos de historia. Exemplo da escritura asémica (sen semántica).
  • 1973
    • Sonic Meditations. Pauline Oliveros crea as Sonic Meditations que máis adiante serían consideradas por ela mesma como as precursoras da escoita profunda (Deep Listening).
    • Conversaciones Telefónicas. Isidoro Valcárcel Medina fai esta peza que recolle a gravación das 80 chamadas radiofónicas a personas descoñecidas para informarlles do seu número de teléfono. Unha conversa sen información? Suspenso da semántica? As chamadas telefónicas son sempre información? Conversas sen significado? Conversa pola conversa?.
  • 1977
    • The Tuning of the World (The Soundscape). O canadiensse R. Murray Schafer publica o seu estudo sobre a paisaxe sonora tras anos de experiencia co grupo de investigación World Soundscape Project.
  • 1978
    • Red Bird. Trevor Wishart publica Red Bird: A Political Prisoner’s Dream nos York Electronic Studios. Un traballo satánico que no plano técnico destaca pola manipulación da voz e a incorporación puntual de grabacións de escritura.
  • 1979
    • Automatic Writing. É unha composición de Robert Ashley onde grava a súa fala involuntaria, froito de padecer o síndorme de Tourette. Unha linguaxe involuntaria que se independiza dos códigos da comunidade.
  • 1982
    • La voix au cinéma. Michel Chion. Aparece a idea da existencia da personaxe do acusmaser, así como a definición de tres tipos de escoita: causal (información sobre aquelo que produce o sonido), codal (ou semánica según Pierre Schaeffer, cando nos enfrentamos a unha señal sonora codificada) e reducida (a escoita do son polo son, fóra de inxerencias externas).
  • 1983
    • MIDI. Abreviatura de Musical Instrument Digital Interface, en realidade é un protocolo de comunicación de datos que posibilita que varios dispositivos musicais se comuniquen entre si. Logo evolucionaría no protocolo OSC. Indispensable para entender a escoita mapeada onde xa non se escoita directamente unha fonte senón unha codificación e mapeado sonoro desa fonte.
  • 1985
    • Max. Miller Puckette comeza a desenvolver o software Max que xunto con Pure Data no 1996 ou Supercollider tamén no 1996 abren o campo da interactividade no audio e a posibilidade de programar a medida calquera instrumento sonoro.
    • De Streek: Theorie van het schrift (O trazo. Teoría da escritura). Gerrit Noordzij publica unha teoría sobre o trazo e as formas da pegada da escrita no papel
  • 1987
    • Jocs de lletra. Bartolomé Ferrando. Publicación e exposición de Bartolomé Ferrando. Primeiro vén a escritura e logo unha interpretación fonética da mesma. Volta inversa ao xogo de representación fonética. Exemplo de escritura asémica. Un exemplo de que a poesía sonora e as practicas artísticas circundantes non consiguen desfacerse da voz, da fonética. A escritura só se vencella ao son a través da fonética.
  • 1988
  • 1990
    • Un golpe de dados. O grupo vigués Os Resentidos publican o disco Jei que inclúe a canción Un golpe de dados en claro homenaxe ao poema de Mallarmé Un coup de dés jamais n’abolira le hasard. Evidénciase a cada vez máis presente cultura do sampleo e o remix. Ese mesmo vector mixturador será o que leve a conectar disciplinas diversas e a interdisciplinariedade, coma así sucedeu co graffiti, a caligrafía, a tatuaxe e a arte sonora.
  • 1996
    • Transformations. Hildegard Westerkamp publica un recopilatorio dos seus traballos máis significativos. No libreto do disco escribe un pequeno texto que sintetiza o seu traballo sonoro. A paisaxe sonora é unha lnguaxe coas súas propias leis: «I hear the soundscape as a language with which places and societies express themselves».
  • 1999
    • OpenCv. Faise pública unha primeira versión alpha desta librería libre de visión artificial. Posibilitará que a información visual da “realidade” poida ser convertida en datos e interpretada por máquinas. Entre esa información visual atópase a escritura e a caligrafía. A librería será empregada por múltiples proxectos como o Graffiti Research Lab, convertindo a caligrafía en datos e estes en son, rompendo coa idea de escoita casual definida por Michel Chion e xerando un novo tipo de escoita.
  • 2000
    • Escritura qalítica. Rommel Hervez comeza a investigar e crear a caligrafía qalítica que el mesmo define como “la organización espacio-temporal de una grafía –y su sonido– a través de la creación y desarrollo de fonemas que devinieron experiencia sonora”.
  • 2001
    • Processing. Ben Fry e Casey Reas crean o programa Processing. Deseñado inicialmente para aprender a programar en contextos creativos enseguida é adoptado pola comunidade coma unha ferramenta para facer as súas pezas, deseños e experimentos.
  • 2002
    • OSC. Aparece a primeira versión do protocolo Open Sound Control, que máis alá de ser unha evolución do MIDI permite unha maior complexidade na transmisión de datos entre instrumentos dixitais.
  • 2003
    • Messa di voice. Golan Levin e Zach Lieberman desenvolven esta performance cunha librería propia que sentará a base do que logo será Openframeworks (en 2005 xunto a Theodore Watson). As ferramentas dixitais comezan a mostrar novas formas de representación da voz e a linguaxe que vai máis aló do alfabeto.
    • Wiring. Hernando Barragán comeza este proxecto que vén a substituir ao Basic Stamp 2 como ferramenta para conectar sensores con outros hardware. En 2005 daría lugar ao nacemento de Arduino. Revoluciona a accesibilidade ao hardware diy e senta a base tecnolóxica para moitos proxectos interactivos de input analóxica (physical computing). Un deses input sería a escritura.
  • 2004
    • Netlabel Alg-a. Nacemento do selo online con licenzas libes alg-a: alg-label.com. Ese mesmo ano nacía a comunidade de arte e acción libre alg-a.
  • 2005
    • David Toop sound drawing. Tal como relata o mesmo David Toop no libro Sound Objetcs, a partir de 2005 comeza a traballar con papeis e debuxo amplificado: “The two activities converged: I drew on paper (with and without ink) using black bamboo and dried steams of Equisetum hyemale (also know as horsetail or scouring rush), cut from my garden (..) Unlike the sound arising out of their stridulation and compression, their presence lingered as one element in a cluster of objects, all of them sound”.
    • Caligraft. Ricard Marxer investiga sobre a caligrafía xenerativa e publica Caligraft, para o cal desenvolveu a libraría Geomerative baseada en Processing.
  • 2006
    • Escoitar.org. Horacio González, Julio Gómez, Xoán-Xil López, Chiu Longina, Berio Molina, Jesús Otero Seoane, Carlos Suárez e Enrique Tomás. Ano de nacemento do colectivo. Investigación sobre a paisaxe sonora galega. (2006-2016)
  • 2007
    • F.A.T. Lab. Nace o F.A.T. (Free Art an and Technology) colectivo que mixturou a cultura popular e a tecnoloxía de código aberto. Dentro do colectivo desenvolveuse o Graffiti Research Lab que entre outras cousas posibilitaría relacionar directamente graffiti e son. DIY, open source e activismo. Auxe da filosofía hacker.
  • 2008
    • Drawdio. Debuxo de instrumentos musicais cun lápiz e un papel. Grafito como elemento conductor. Por Jay Silver.
  • 2009
  • 2010
    • Graffiti Markup Language. Creado orixinalmente por Evan Roth, Chris Sugrue, Theo Watson e Jamie Wilkinson. Linguaxe de comunicacion entre os datos extraídos dunha letra e outras aplicacións informáticas. Fanse evidentes as relacións paradiexéticas. O que se escoita non o produce directamente o que se ve, ainda que garda certa relacións codificadas en datos. Ruptura coa escoita causal definida por Michel Chion que da lugar a un novo tipo de escoita.
  • 2011
    • Sonotexts de W. Mark Sutherland. Pezas de poesía sonora onde desenvolve o Metalogue, un sistema para gravar o son da escritura.
  • 2013
    • ASMR. A artista Claire Tolan comeza a traballar no campo do ASMR (Resposta Sensorial Meridiana Autónoma). Recolle unha práctica que levaba un par de anos espallándose por internet, sobre todo en youtube. Videos onde aparecen mans manipulando obxectos, animais, onde os pequenos sons producidos son amplificados. Entre estas manipulacións capaces de provocar unha resposta sinestética destaca o son da escritura caligráfica.
  • 2014
    • El momento analírico. María Salgado le a súa tese onde reivindica o analfabetismo como unha forma de escritura non escrita ou como unha reivindicación do afóra do alfabeto.
  • 2016
    • RGB Color Model. Película de Blanca Rego onde xoga coa técnica do datablending: “The soundtrack are the film frames themselves saved as audio files, using a data bending process inspired by the optical sound experiments by filmmakers such as Norman McLaren, Lis Rhodes, Guy Sherwin, etc. What you see is exactly the same that what you hear.”.
    • Sound calligraphy de Ulla Rauter. Traballo que xunta a caligrafía co son de espectogramas de palabras. A caligrafía manipula eses sons. A escritura manipula ao propio son (palabra) que representa creando unha retroalimentación. Tal e como se ve no vídeo da peza
  • 2017
    • Linlow. Performance de Aoi Yamaguchi, Schneider TM, Mika Satomi. Tipografía xaponese e interacción con son en tempo real. Un exemplo máis da trasmutación de datos a partir da caligrafía. O xesto caligráfico transfórmase en calquer outra cousa (son) a través dunha dataficación da acción.
    • Setras. Berio Molina. O alfabeto galego acusmático.
  • 2018
    • Sound of drawing. Takuma Yamazaki idea un sinxelo sistema para amplificar a escritura co que gaña o Kokuyo Design Awards no 2018.
    • Sonicdream. Mirko Kircher e Moritz Tobler comezan a facer as súas accións de Live Painting, onde amplifican e manipulan o son en directo da acción de pintar
  • 2019
    • Sk(etch). A compositora Leah Reid publica o traballo Sk(etch). Unha pequena peza de 5 minutos de duración onde explora os sons, xestos, texturas, e timbres do acto de debuxar e escribir.

Bibliografía

  • Alcoz, A. (2017). Resonancias fílmicas: el sonido en el cine estructural (1960-1981). Santander, Cantavría: Sh.
  • Andrés, R. (2020). Filosofía y consuelo de la música. Acantilado.
  • Bados, Á. (2008). Oteiza. Laboratorio experimental Laborategi esperimentala. Alzuza, Navarra: Fundación Museo Jorge Oteiza = Jorge Oteiza Fundazio Museoa.
  • Barber, L. (2003). El placer de la escucha. Madrid: Ediciones Ardora.
  • Burch, N. (2011). El tragaluz del infinito: contribución a la genalogía del lenguaje cinematográfico. Madrid: Cátedra.
  • Cage, J. (2007). Silencio. Madrid: Árdora.
  • Chion, M. (2014). La audiovisión. Sonido e imagen en el cine. Buenos Aires: La Marca Editora.
  • Clayton, E. (2016). La historia de la escritura. Madrid: Siruela.
  • Espejo, J. L. (2019). Escucha, por favor: 13 textos sobre sonido para el arte reciente.
  • Fernández Salgado, M. (2014). El momento analírico. Poéticas Constructivistas en España desde 1964. Universidad Autónoma de Madrid. Recuperado de https://repositorio.uam.es/handle/10486/664043
  • Garfield, S. (2011). Es mi tipo: un libro sobre fuentes tipográficas. Santillana Ediciones Generales.
  • Gómez, J. (2009). Música Enlatada / Escola Sinsal. Vigo: SINSALaudio.
  • Haraway, D. J. (1995). Ciencia, cyborgs y mujeres: la reinvención de la naturaleza. Madrid: Cátedra.
  • Jacques, D. (1971). De la gramatología. Buenos Aires: Siglo veintiuno argentina.
  • Lafuente, J. M., Maderuelo, J., & Círculo de Bellas Artes (Madrid, Spain) (Eds.). (2014). Escritura experimental en España, 1963-1983. Heras, Cantabria: Ediciones La Bahía.
  • Molina, B. (2017). Setras. Logroño: Fulgencio Pimentel.
  • Noordzij, G. (2009). El Trazo: teoría de la escritura. València: Campgràfic.
  • Oliveros, P. (2005). Deep listening: a composer’s sound practice. New York, NY: iUniverse.
  • Reck Miranda, E. (Ed.). (1999). Música y nuevas tecnologías: perspectivas para el siglo XXI. Barcelona: L’Angelot.
  • Sarmiento, J. A. (1990). La otra escritura: la poesía experimental española, 1960-1973. Cuenca: Ediciones de la Universidad de Castilla-La Mancha.
  • Schaeffer, P. (2008). Tratado de los objetos musicales. Madrid: Alianza.
  • Schafer, R. M. (1993). The soundscape: our sonic environment and the tuning of the world. Rochester, Vt. : [United States]: Destiny Books ; Distributed to the book trade in the United States by American International Distribution Corp.
  • Steintrager, J. A., & Chow, R. (Eds.). (2019). Sound objects. Durham: Duke University Press.
  • Thoreau, H. D. (2019). Walden. Madrid: Errata Naturae.
  • W. Mark, S. (2011). Sonotexts [CD]. The Barking Boys.