A maxia é nova (1946). Maya Deren

Fíxome moita gracia ler esta anécdota que Maya Deren relata no seu artigo A maxia é nova (1946). É unha conversa cunha persoa que atende o posto de información de Central Park, á que lle pide permiso para gravar unhas tomas no parque para un filme. A constante loita entre o normativizado e a fuga.

O fragmento traducino ao galego do libro El Universo Dereniano. Textos fundamentales de la cineasta Maya Deren, publicado en Cuenca por Ediciones de la Universidade de Castilla-La Mancha.

 

– Estou facendo unha película en 16mm. Entendo que, para poder empregar un trípode en Central Park, preciso un permiso especial.-
– Correcto-, dime a rapaza no mostrador de información. -Pode pagar a taxa ou conseguir o seu permiso na terceira oficina do corredor.-
– Oh, non sabía que había unha taxa.-
– Oh, si, todos os fotógrafos comerciais teñen que pagar unha taxa.-
– Pero eu non son un fotógrafo comercial.-
– Os amateurs non precisan permiso, posto que non usan trípode, non perturban os paseos nin asustan aos animais do zoo.-
– Pero eu teño que usar trípode para estas tomas.-
– ¿Que tipo de películas son?.-
– Supoño que poden chamarse experimentais.-
– ¿Sobre que clase de experimentos?
– Non son experimentos. Son experimentos en si. Experimentos coa forma de cine.
– ¿Para quen traballa?
– Para ninguén. Quero dicir, traballo para min mesma.
– ¿Entón é un hobby?
– Ben, non exactamente. As películas móstroas en universidades e noutros lugares.
– ¿Entón son documentais educativos?
– Ben, non. Documentais non son. Máis ben son documentais sobre o interior, nalgún sentido. E son educativos só no sentido no que a arte sempre é educativa.
– ¿Que dixo?
– Dixen… ben, quizais mellor marcho ao departamento de educación.
Estaba contenta de librarse de min. No departamento de educación sucedeu máis ou menos o mesmo, e intentei avanzar no tema.
– ¿Cal é o propósito desta película?
– É un pouco difícil de explicar. En realidade non hai ningún propósito, agás o de facer unha película.
– Ben, nese caso son comerciais, películas de entretemento. Pode conseguir o seu permiso e pagar a taxa no terceiro despacho á esquerda do vestíbulo.
– Pero non son comerciais e non pretenden entreter, exactamente. Quero dicir, non as fago para gañar cartos. De feito cústame diñeiro facelas – dixen atacada
Coa actitude de alguén que procura evitar unha escena, a rapaza forzouse a tratar comigo da maneira máis amable posible.
– Cónteme de que tratan
– Ben, iso é un pouco difícil de explicar. Non tratan de ningún tema en concreto-. Intenteino de novo. -Verá, trátase das experiencias interiores do ser humano.
– Xa vexo. Ben, esta por exemplo. ¿Cal é a historia?
– Ben, non hai unha historia literaria. Verá, eu penso que o cine, por ser un medio visual, debería descubrir a súa propia integridade visual en termos cinematográficos.
– ¿Que?
– Digo que é difícil de explicar con palabras porque é moi visual.
– Xa vexo. ¿En que parte do parque quere filmar?
– Dáme igual. Nas partes menos concorridas. Non é tanto o parque. É máis unha cuestión de ter un entorno que pareza campo sen ter que levar realmente aos amigos que saen na película ao campo.
– Entón é unha película sobre os seus amigos.
– Ben, non exactamente. Están actuando para min.
– Entón si que hai un argumento. ¿De que trata o argumento?
– Non, non hai ningún argumento literario.
A súa paciencia esgotábase.
– Mire, Miss…, Deren. Estou intentando axudala. Teño que encher este cuestionario para poder facer o seu permiso. Quizais poderiamos conseguilo se vostede me explicase por qué fai estas películas.
– Iso mesmo me pregunto eu. Ás veces é un traballo terriblemente duro.
O meu intento por quitarlle ferro ao asunto non serviu de nada. Houbo unha larga pausa, durante a cal quedamos mirándonos cara a cara con sensación de impotencia. Entón, falándome amodo e con claridade, como se fose unha estranxeira que acababa de aterrar en América, díxome:
– Miss Deren, teño que encher os ocos deste formulario para poder conseguir un permiso asinado polas autoridades competentes. Non podo darlle un permiso, a non ser que me poida dicir algo que poida escribir sobre as súas películas. ¿Cre que pode dicirme algo que poida escribir sobre as películas?
– Escriba psicolóxicas-, dixen desesperadamente-. Non lle levará moito tempo e non perturbarei os paseos, e hai poucas persoas en escena. Só escriba psicolóxicas.-
Miroume atentamente por un momento. -Si-, dixo como para si mesma.
_ Iso é o que é… psicolóxico.
– Miss Deren-, chamoume cando estaba saíndo, -¿levan os actores… roupas normais?
-Si-, asegurei. -Todo vai ser bastante normal.