bludi meri

bludi meri

Bludi meri, é unha acción que xira practicamente toda entorno a unha soa idea; o obxecto, e como este se xenera no desenvolvemento da propia acción.

Gustábame a idea de que a acción consistira na creación dun obxecto, a performance remataría cando este obxecto estivera rematado, e sería o propio obxecto quen deixara claro este final, xa que a súa realización como obxecto sería a súa propia morte.

Esta idea pareceme moi bonita, e é por iso que lle teño moito cariño a esta performance, gústame moito recordala.

O obxecto que se vai construír na acción vai ser un cóctel. Todo o mundo sabe que un cóctel se non se bate non é un coctel, era o obxecto perfecto, xa que se non hai movemento no propio obxecto, este non se crea; e a acción por definición é movemento, polo que a proximidade entre o cóctel e a acción parecía bastante íntima.

Entendo que a acción bludi meri dura moi pouco tempo, apenas cinco segundos, dende que o accionista se levanta do chan, listo para bater o cóctel, ata que este desparrama o seu líquido unha vez batido. A acción dura xustamente o tempo que o cóctel necesita para crearse(baterse), e morrer(derramarse).

Así o cóctel é lanzado polo aire dando voltas sobre si mesmo, mentres está no aire é batido e estase creando o obxecto e a acción simultaneamente. Chega un momento no que o cóctel se atopa cunha parede e recibe un golpe que lle produce o batemento final e que acaba de crear o cóctel. Acto seguido e inmediatamente despois da súa creación, a coctelera ábrese para esparexer o seu líquido por todo o espazo, chegando ao final e á morte do cóctel, e polo tanto á fin da acción.

Unha vez máis , nesta acción xogamos coa frustración do espectador, que se explica máis detalladamente na acción dáme melón, o espectador agarda ser convidado ao cóctel que se vai facer: un bloody meri, pero o accionista non os convida a beber, senón que arroxa todo o líquido polo chan, despois de lanzar a coctelera contra a parede.