Devuison. ideas e bocetos

Debuxo + Corpo + Son


Idea da acción:

Toda a idea da acción xira en torno a 3 elementos e á relación que se establece entre eles. A saber: Corpo, son e debuxo.
A interacción entre eles será mediada polos performers e o software creado a tal efecto.

Así, a relación que se establece entre os 3 elementos é de “necesidade formal”. É dicir, a forma do corpo debe causar unha reposta análoga e por necesidade na forma do debuxo e do son, ou a distorsión da forma do debuxo debe ter unha relación de “ser” co corpo e o son. Desta forma, por exemplo, se se debuxa unha liña nun dedo, ao mover o dedo, esta liña debe converterse en curva, facerse máis longa ou curta, ou incluso converterse en círculo. Esta deformación ou reformación debe de ser análoga ao do son, de forma que seguindo co exemplo, este (o son) sexa máis longo ou curto, entre en loop ou non (círculo), se corte (se se corta a liña), etc…
Como consecuencia, os elementos teñen unha profunda relación de consecuencia, de modo que se un muta, o resto tamén muta, e a forma resultante (círculo no gráfico) cambia.


Conceptos asociados:

Ademais desta idea básica dos tres elementos: debuxo, corpo e son, manéxanse unha serie de conceptos-tags que serven de hábitat ou contexto conceptual no que se desenvolve o proxecto. A saber:
Computer Vision, Simplicidade, Macro, Autonomía, Tracking, Capas.

Computer Vision:
Ou Visión artificial: Subcampo da intelixencia artificial cuxo propósito é programar un computador para que entenda unha escena ou as características dunha imaxe. Empregarase para a localización, recoñecemento das liñas de debuxo a través dunha cámara de vídeo.

Simplicidade:
A relación entre os elementos, así como con eles mesmos, rexerase baixo a idea de simplicidade, coa fin de establecer unha unión directa entre eles. Enténdese que recorrendo a formas básicas ou máis universais, é máis fácil que os diferentes elementos que entren en relación teñan cousas en común, posibilitando polo tanto unha comunicación e interacción máis profunda e directa. Así, só se empregarán liñas e puntos tanto no son coma no debuxo, e ollos e boca no corpo.

Macro:
Traballarase coa idea de macro, coa ampliación do detalle. Este concepto foi o xerador de todo o proxecto, a partir do traballo cos microsonidos levado a cabo por Kanta Horio. Reforzará a idea de maxia que envolve toda a acción, facendo visible fenómenos que se atopaban agochados.

Autonomía:
Non teño a cita exacta, pero unha vez oínlle dicir a Esther Ferrer que ela simplemente lle dá un leve “toque” aos obxectos para que se liberen. Como xa sinalei, é posible que non fora iso exactamente o que dixo, pero esa é a idea do comportamento dos elementos en xogo. Estes deben mostrarse fóra da súa cotianidade, deben liberarse a través das convulsións da súa forma, e ao entrar en relación cos outros elementos, potenciar esta autoproclamación cunha identidade nova fóra da capa de significancia que a cultura e o contexto lles aporta e os define. Temos por tanto que os elementos deben obrar con autonomía, buscando unha identidade a través da súa forma e a relación cos demais elementos cos que entran en xogo.

Tracking:
É unha técnica de computación na que entra en xogo a Computer Vision. Consiste en recoñecer un elemento e facer un seguemento da súa ubicación. Empregaremos esta técnica para identificar elementos do debuxo (liñas e puntos), darlles unha unidade, e facer un seguemento dos mesmos. De forma que se por exemplo, debuxamos unha liña arredor do ollo e movemos a cabeza logo de tela debuxada, o ordenador saberá a nova ubicación da liña e poderá, por exemplo, proxectar sempre un punto encima da mesma.

Capas:
Partindo da percepción visual, cada elemento funcionará coma unha capa, e o conxunto das capas conformará a forma final. Polo tanto, o corpo sería unha primeira capa que tería a forma física da pel, o debuxo sería unha segunda capa que ocuparía o espazo físico da tinta sobre a pel, e o son sería a terceira capa, que se faría perceptible a través da proxección de vídeo sobre a pel, visualizando así o son. A correspondencia polo tanto entre elementos e capas sería a de:
Corpo – Debuxo – Son
Pel – Tinta – Proxección


Descrición da acción:

Duración: 20 minutos aprox.
Performers: 2: María Roja (performer1) e Berio Molina (performer2)

A acción consiste en facer debuxos sobre a cara da performer1 (P1), concretamente só sobre os seus ollos e a boca, xerando son a medida que se debuxa e coas propias deformacións destes debuxos ao mover o corpo.
P1 estará queda sentada nunha cadeira, e o performer2 (P2) irá facendo os debuxos sobre ela. P1 moverá a pel da cara para deformar o debuxo, deformando así tamén o son.
Crearase un programa informático con Openframeworks, para facer a interactividade entre o debuxo, o corpo e o son. Unha cámara de vídeo recollerá as liñas debuxadas e o programa fará a súa relación co son, ao mesmo tempo que proxectará sobre as mesmas liñas, unha nova capa que servirá como pequena visualización do son, que se integrará coas formas debuxadas.

Así por exemplo, no seguinte debuxo podemos ver unha liñas que atravesan o ollo que emiten un son continuo (piiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiii). Cando o ollo é aberto, estas liñas son fragmentadas en dous, polo que tamén rompen o son (piiiiiiiiiiiiiiiii piiiiiiiiiiiiiii), ao mesmo tempo que aparece un novo elemento que é o círculo, ou punto (iris do ollo), que emitirá un grave continuo cando o ollo estea aberto. Así mesmo, ao levantar a pálpebra as liñas faranse máis longas, podendo por exemplo modificar a lonxitude do son, a súa altura, timbre, etc…

Nin P1 e P2 manipularán o son directamente. O sistema será autónomo e será a manipulación do debuxo a través dos pequenos movementos do corpo o que module e xere o son, a través das técnicas de Computer Vision e Tracking do software creado para a ocasión con Openframeworks e Supercollider.

O mesmo sucederá coa boca, onde ao pechala e ao abrila se modificará o debuxo e por ende o son, e onde se marcarán con liñas as engurras dos beizos, para que ao movelos, unha vez máis, estas se deformen:

Tamén se intervirá nos dentes, que poderían dar xogo a funcionar como un secuenciador de audio, pintando ou non cada un dos dentes: