Microasterismos-corpo-a-terra

Micro asterismos

Creación: Ohn
Performers: María Roja e Berio Molina
2014
20 minutos

Visualización aumentada de micropaisaxes corporais

Microasterismos é un estudo do minúsculo no que a mirada se pousa sobre fragmentos da pel poboados de lunares ao modo dos facedores de asterismos, aqueles conxuntos de estrelas que, semellando formar unha figura, non gozan de recoñecemento oficial. O resultado é unha colección de paisaxes do corpo, sobre as que pequenos movementos deste actúan mudando a súa aparencia sonora e visual, nunha redescuberta da capacidade sedutora das mesmas.

Boceto acción microasterismos de ohn. Berio Molina e María Roja

Microasterismos parte orixinariamente dun interese en crear unha colección de paisaxes do corpo, sometido este a unha acción non intencional propia ou allea, creadas a partir dos micromovementos ou microeventos producidos a raíz de tal feito. Trátase dun estudo do minúsculo, co fin de rescatar aqueles trazos significativos de diversos fragmentos do corpo, para que a través da posterior creación dunha sutil estrutura, ese fenómeno se faga visible, se expanda e manifeste a súa capacidade sedutora.

Este proxecto baséase na idea do corpo entendido como paisaxe. A observación deste realízase dende o que damos en chamar unha estética contemplativa, na que a temporalidade deste acto se estende superando o seu carácter meramente contextual ata facerse tanxible. Vólvese a ollada cara o inscrito sobre a pel, cara cromatismos, engurras, movementos involuntarios… insignificantes en canto non atenden a unha intencionalidade ou expresividade procurada, simplemente están. O ordinario faise coa nosa atención posibilitando unha redescuberta poética do mesmo. Fixando a nosa atención neses mínimos fragmentos corporais que ofrecen tales imaxes, elaboramos unha escolma das mesmas. No visionado final destas, advertimos a existencia dun elemento cromático que se impón, dotando ao conxunto dunha unidade formal moi particular: o nevus, nome da pigmentación escura da pel popularmente coñecida como lunar. A mirada instintiva vai trazando entre tales puntos unhas liñas imaxinarias de relación, que semellan querer xogar ao modo dos facedores de asterismos, aqueles conxuntos de estrelas que vistas dende o ceo da Terra parecen formar unha figura mais non gozan de recoñecemento oficial por parte da comunidade científica. A escala deste exercicio condiciona pois, a elección do adxectivo micro acompañando a estas persoais constelacións agochadas na pel: microasterismos.

O desenvolvemento técnico baséase na idea de capas. Esta metáfora, moi empregada nos procesos de edición dixital para facilitar graficamente a manipulación formal, é aquí empregada como un elemento estético sobre o que despregamos a expansión do fenómeno da microacción lunar servindo de ponte entre o minúsculo e o maiúsculo. As capas que conforman esta arquitectura son dúas: A proxección de liñas e o son. As liñas superpoñen a translación dimensional. Ao unir os lunares con liñas, estes convértense en astros a través da proxección imaxinaria dos asterismos e conviven as dimensións minúsculas dos lunares do corpo coa dimensión maiúscula do espazo.

O audio serve para visualizar a interacción case invisible entre os diferentes elementos (lunares) para potenciar así o imaxinario do espectador cara a percepción dunha nova realidade cunhas novas relacións de comportamento descoñecidas. Esta acentuación da interacción vese reforzada pola proxección de círculos, ondas e colas que mudan de forma dependendo dos datos que o sistema capta desta interacción.