Tócame

Acción. 1 min
Unha mesa e un corpo
Facultade de Belas Artes de Pontevedra
2002

+ Forma por necesidade
+ Espazo
+ Distancia espectador-público
+ Economía de materiais

A forma desta peza ven marcada pola idea de “necesidade”. As formas que interveñen modelando diversos aspectos como poden ser o espazo, o tempo, a distancia do espectador, os obxectos, etc…veñen marcados pola necesidade, é dicir, que son os que se dan porque así o marcn a conxugación e interacción entre eles no mesmo momento no que acontece a acción.

Así temos que o tempo que dura a acción é aquel que delimita a capacidade do meu estómago e pulmóns para albergar aire, así como o tempo que tardo en expulsalo na súa totalidade sen que chegue a afogarme completamente, cando debe de acabar a acción.

Os obxectos que entran en xogo son unha mesa e unhas cadeiras que non teñen nada máis especial que o feito de atoparse no lugar onde ten lugar a acción, neste caso a mesa e as cadeiras da aula de quinto de escultura da Facultade de Belas Artes de Pontevedra; a aceptación da beira da mesa como interficie entre a miña boca e a mesma dáse porque se complementan morfoloxicamente os ocos e comisuras da boca coa medida angular da construción mobiliaria.

O son que se produce vén marcado necesariamente, e non pode ser doutras características, pola adaptación da boca á mesa e polas friccións causadas polo movemento aplicado sobre a superficie da mesma.

O descenso do meu corpo dende a mesa cara ao chan é provocado pola dirección vertical da pata, e o movemento horizontal do corpo antes de atoparse con esta é inducido pola beira lonxitudinal da mesa.

Ao final acabo no chan sen máis aire nos pulmóns, sen poder producir máis son e sen superficie onde acoplarme. Este final tan concluínte marca a relación de necesidade entre os elementos que conforman a performance.

A obra xurdiu coma solución á problemática do “espazo” suxerida por un compañeiro. Tentei que a razón da relación dos elementos fora tamén espacial:
o espazo que hai dentro dos meus pulmóns,
o espazo que hai dentro do meu estómago,
a forma espacial da boca e a forma espacial da mesa,
o son que se produce pola fricción deses dous espazos,
e o espazo que hai entre o espectador e o performer.

O traballo con materiais dun baixo ou nulo custe de elaboración así como unha sinxela posta en escea e montaxe, permite unha grande experimentación e unha aprendizaxe rápida do que se está propoñendo, así como unha dinamizade das propostas. Isto posibilita un posterior traballo máis complexo como poden ser unha serie de instalacións interactivas como por exemplo a creación dunha cámara de percepción musical ou o desenvolvemento de preceptos xa empregados nesta acción ( e outras que son polo estilo como a acción carrito 1 ou a acción de eu disfruto ti sufres) dentro dun colectivo, para unha creación e produción máis sofisticada.

A obra pode entenderse como unha provocación cara o público; ben pola excesiva proximidade entre o público e o espectador (hai un momento da performance na que un espectador ten que alexarse do accionista) ben polo son un tanto burlesco que se produce ao crear fricción coa mesa, ou ben polo xesto obsceno de chupar a mesma.

De todas maneiras a miña intención non é facer unha provocación explícita, senón xerar un malestar no público provocado polos roles adquiridos na contemplación dunha performance. Como xa dixen anteriormente as estratexias que utilicei respondían a cuestións formais, pero ao confrontalas directamente co público cobran unha nova dimensión sedutora que enriquece o resultado final.

Nesta acción hai unha referencia á concepción de Esther Ferrer de entender a performance entorno a catro elementos: o espazo, o tempo, o obxecto e a presenza.