Reverberos III

Os reverberos son estruturas metálicas cubertas por chapas de ferro que foron expostas a un proceso de oxidación. As chapas están colocadas unhas sobre as outras e suxeitas só pola súa parte superior, coma se fosen as escamas dun peixe. Ao sometelas a determinados sons tremen producindo ruído polo fenómeno da resonancia acústica. Cada reverbero vibra nunha frecuencia diferente e cunha intensidade maior ou menor.

A fonte sonora que as fai moverse é o aire bantendo no exterior da torre. Os reverberos funcionan así como cápsulas que reteñen ao vento no seu interior, coma se fosen pequenos faros acústicos que reverberan dentro do propio faro.

Son tres, cada un deles situado nunha das plantas da Torre de Hércules:

O da primeira planta ten forma piramidal con base pentagonal, con cinco chapas que cobren cada unha das súas caras.

O da segunda planta é un módulo de base cadrada pensado para que se poida apilar, con catro chapas por cada cara.

O reverbero da última planta é de base circular e teito abovedado, con preto de cen chapas moito máis pequenas.

As gravacións do vento poden escoitarse na páxina pantasma de xscxxtxr.org

A exposición inaugurouse no contexto do XV Aniversario da declaración da Torre de Hércules Patrimonio Mundial.

Reverberos

Comisariado: Ángel Cerviño
Deseño: Novagarda
Fotografía: Aitana Tubío
Textos: Ángel Cerviño, Claudio Pato, Berio Molina

Torre de Hércules.
A Coruña.
1 agosto - 17 outubro 2024