Este é o arquivo dos manifestos Flexo, chamados Flexomanifestos.
Foron escritos sobre todo a comezos do 2000, e pode que algún deles sexan borradores e non se chegaran a publicar.
A data que aparece a carón de cada manifesto está recollida da data da última modificación que aparece nos arquivos que tiñamos gardados nuns cedes, aínda que posiblemente sexa unha data bastante aproximada de cando se publicaron (no caso daqueles que foran publicados).
FLEXOMANIFESTO
Data da última modificación: 29/03/2000
FLEXO é un colectivo de artistas que propoñen, en contra da autoría persoal e da individualidade, o traballo en grupo en beneficio da obra en si coma único transmisor e xerador de ideas e formulacións.
FLEXO PROPUGNA unha arte total que abarque tódalas manifestacións da vida. Unha arte que interactúe con campos e materias de todo tipo.
A arte é a vida e a vida é a arte, simplemente hai que sacala a flote.
A arte coma un medio (non unha fin) para liberar a vida do seu enquistamento e unidireccionalidade crónicas. Non só coma un medio de embelecela.
Flexo practica e propugna a mestizaxe e a reciclaxe coma forma de entender a vida.
A PERFORMANCE e a INSTALACIÓN son os seus medios naturais de expresión polo seu carácter multidisciplinar e interactivo, COMA PUNTOS DE PARTIDA E DE CHEGADA CREATIVOS. Aínda así pode crear pezas obxectuais, vídeos, traballos na rede ou todo aquel medio que atope necesario para os seus fins creativos.
O SON coma espazo, a luz coma materia, a materia coma tempo e o espazo coma algo flexible, que xunto coa mirada do espectador son os plantexamentos que se empregan coma punto de partida e de chegada na creacción das obras.
FLEXO CREA obras á vez visualmente atractivas e cuestionadoras desa mirada. ESA MIRADA que queda comprometida no seu que, para preguntarse a si mesma o como (estou mirando), e a partir de aí estrapolalo e chegar a preguntarse.
¿ONDE ESTOU? Ou que mundo é este no que me movo, QUE É O QUE ESTOU FACENDO. Por que teño que facer o que fago.
CUESTIONAR o modelo actual de cultura do entretemento.
Os modelos estéticos e por extensión culturais que se nos impoñen a diario e de continuo na nosa sociedade.
O colectivo pretende ser coma un VIRUS creativo e des estabilizador que se instala nas canles de circulación da cultura e no mesmo cerebro do espectador.
Calquera indiferenza é perxudicial, e o aburrimento é contrarrevolucionario.
FLEXO non desdeña traballar en calquera SITE público ou privado que se lle ocorra ou se lle propoña.
Dende lugares de cultura de masas ata as rúas (sobre todo nestas por ser onde mais difícil lle resulta a arte manifestarse) coma lugares de «cultura máis elevada».
FLEXO CONSIDERA a libre colaboración a tódolos artistas, creativos, traballadores, mulleres, homes, funcionarios, humanistas, animais e demáis seres da galaxia que compartan estes ideais.
+ Para que se poida crear un feito FLEXO máis alá de calquera fronteira, credo ou nacionalidade, e entrar a formar parte da familia FLEXO.
+ Polo principio de que a unión fai a forza e que calquera se pode adscribir a colaborar co grupo tendo en conta a afinidade pola ideoloxia artística e non por outros factores.
+ Creando así quen queira e dende onde queira o feito creativo, para o engrandecemento da causa revolucionaria-artística, que non quere deixar descansar a aqueles que pretendan crear limites á creatividade, e polos que por falta de medios non poden distribuír a súa propia.
ASI QUE POR ISO NON O PENSES MÁIS: SE TES BOAS IDEAS E NON SABES COMO FACERTE OÍR, E CRES QUE É MAIS IMPORTANTE CREAR NOVAS ALTERNATIVAS QUE SER UN NOME FAMOSO, SÉ UN FLEXO E ILUMINA COA TÚA CREATIVIDADE AO TEU ARREDOR.
PARA MÁIS INFORMACIÓN: 676 50 47 15.
FLEX_O.COM
FLEXOMANIFESTO
Data da última modificación: 05/04/2000
FLEXO é un colectivo de artistas que xurde no entorno da Facultade de Belas Artes de Pontevedra pola necesidade de crear un espazo creativo propio e ata entón inédito en Galicia: a performance, o vídeo, e a arte sonora. Tamén polas ventaxes do traballo en grupo e por loitar en contra da individualidade e a idea de artista coma estrela contemporánea.
Flexo ten a intención de que a obra de arte sexa a única finalidade, e de que esta sirva coma cuestionamento da realidade establecida tanto social coma cultural. Para elo o grupo válese do uso das obras para producir unha situación de cuestionamento do ollar (e por extensión de todos os sentidos) do observador, para que este chegue a reformularse o seu papel activo no mero feito de ollar; para abandonar a pasividade á que nos teñen afeitos as manifestacions audiovisuais actuais, nas que seleccionan no noso lugar cal é o tipo de liberdade que máis nos convén a cada un de nós.
Deste cuestionamento do ollar sobre a obra, FLEXO quere producir o reFLEXO cara o interior do observador coa finalidade de que éste reaccione fronte a alienación endémica.
Para todos estes fins FLEXO emprega coma ferramentas “materiais” a interacción entre medios e campos a priori diferentes ou contrarios. A performance, a instalación, o vídeo, a web etc. Coma conceptos; o son coma espazo, a luz coma materia, a materia coma algo flexible, e o espazo coma un todo creativo. A pluralidade, mestizaxe, reciclaxe e deixar certo terreo á improvisación e á interacción, coma modus operandi na realización das obras.
Asímesmo FLEXO emprega a interacción con “zonas” e medios da chamada baixa cultura, coma clubes, ou a realización de accións de rúa coma medio de expoñer o seu traballo dun xeito menos establecido, coa intención de chegar a un público menos común ao dos circuítos da arte.
FLEXO propón a colaboración, para engrosar as súas filas, a todos aqueles que compartan as súas formulacións por medio das súas obras ou da súa páxina web, de próxima publicación.
O grupo é consciente de que a maioría destas formulacións non constitúen de por si ningunha novidade, e veñen de propostas xa por todos coñecidas coma Duchamp, FluXus, ou o grupo Zaj aquí na península. Mais cre importante mantelas dun xeito combativo e continuado.
FLEXO comenzou a súa andaina no primeiro festival de performance realizado na Sala NASA no verán do 99, onde aínda se estaba a xestar e onde participaban estudantes da Facultade de Belas Artes de Pontevedra.
A partires de entón e con algunhas leccións aprendidas, tivo a súa primeira aparición no Festival Arte e Lixo na vila de Redondela. A partires de aí foi aumentando en número de obras e plantexamentos, participando en varios festivais con performances na rúa, e últimamente en clubes coma o Vademecwm en Vigo, coa colaboración sonora e sempre inquietante de Prozack, onde acadou un gran éxito. Próximamente Flexo presentarase na sala NASA de Santiago de Compostela con proxectos inéditos e de novo coa colaboración de Prozack.