Esta é a entrevista que foi publicada no libro espazodocumental.net, polo CGAC.
As preguntas veñen da man de Saleta González, e aínda que a entrevista foi publicada en setembro do 2008, en realidade foi feita en xaneiro do mesmo ano.
Maís información sobre a publicación na páxina do Proxecto Edición
preguntas: Saleta González Carnero para o Espazo Documental
Espazo Documental – Entrevista a Berio Molina
1.Colaboras con iniciativas en rede que se enmarcan no eido dos proxectos máis experimentais da arte multimedia que se fai en Galicia na actualidade. Podemos citar entre outros o colectivo Flexo ou Alg-a, que máis alá de ser una Asociación Cultural defínese como toda unha comunidade de arte e acción libre. Pero explícanos ¿en que consistee un netlabel? ¿Está Alg-a funcionando ben a nivel internacional? ¿Cal é o índice de aceptación destas comunicades virtuais artístico-culturais en Galicia?
Un netlabel é un sistema de publicación na rede en formato mp3 ou ogg, é decir, son. Aínda que non sempre é así e polo tanto tamén existen netlabels para formatos de video, imaxes ou calqueira outra cousa que se poida poñer ou sexa xerado en formato dixital. Nós ademáis do Netalbel Alg-a dedicado aos sons experimentais, tamén temos o Videolabel Alg-a para as imaxes en movemento e a Galería Alg-a para as imaxes estáticas.
Os netlabels publican os traballos baixo licenzas que posibiliten basciamente a súa distribución, copia e reproducción na rede e fóra da mesma. Entre estas licenzas chamadas libres, as máis empregadas son as Creative Commons, aínda que tamén se empregan outras como o Anticopyright ou as GNU/GPL (o audio tamén pode ser software). Ou pode non empregar ningunha destas licencias e poñer un texto no que o autor cede os dereitos que considera oportunos.
Maioritariamente, os netlabels permiten as descargas gratuítas da rede, e é común ver que impidan que se faga un uso comercial do publicado. No noso caso, a adquisicion é gratuíta, pero normalmente permitimos que se faga calqueira uso comercial con ela.
Os netlabels funcionan como puntos de información e de filtrado de contidos. É decir, son sitios de confianza donde acudir a escoitar un tipo de sons. Son lugares que fan un seleccionado de artistas e que o público acude porque se sinte en sitonia co criterio dese netlabel. Son puntos de identidade.
Alg-a funciona ben a nivel internacional dentro das súas posibilidades, e a veces incluso sentimos certa presión, xa que poderiamos darlle moita máis saída se tivesemos máis medios e recursos, xa que temos unha boa rede de base tendida. Recentemente acabamos de rematar Fronteiras07, unha residencia de artistas locais e internacionais de dúas semanas que levamos a cabo en colaboración coa Asociación Cultural Binaural de Portugal, con artistas de todo o mundo que estiveron convivindo na Illa de San Simón en Vigo e en Nodar en Portugal, e que logo expuxeron o resultado desta residencia en diversos puntos dos dous países.
Durán Vázquez do Netlabel Alg-a, vén de facer algunhas actuacións en América do Sur da man de Jorge Haro, un dos creadores clásicos do netart e os soundtoys, Paola Guimeráns, colaboradora de alg-a e membra de vhplab xunto a Horacio González e Viviana González, atópase colaborando como ilustradora no EyeBeam en Nova Iorque. Recibimos emails de moita xente de fóra buscando espazos para facer actuacións ou eventos grazas á presenza de alg-a na rede, pero que desgraciadamente polo momento non lles podemos dar saída no espazo físico.
Sempre hai algún membro de Alg-a fóra do país e o contacto e intercambio coa producción e creación internacional é constante. Membros de alg-a viviron, viven ou vanse ir a vivir en países como Alemaña, Inglaterra, Xapón, Portugal ou Estados Unidos, e dentro da península en cidades como Cuenca, Barcelona ou Madrid. Manténse contacto en todos estes sitios e manténse relación con institucións como a Universidade Pompeu Fabra de Barcelona, a Universidade de Castilla y la Mancha, o MedialabPrado en Madrid ou asociacións culturais e colectivos como Zemos98 en Sevilla, Binaural en Portugal, D_forma, Netaudio.es e L»ull llec en Barcelona ou Mira el rio baja en Madrid, por nomear algúns. Temos unha grande rede tendida, e en canto poñamos en marcha o Laboratorio – Centro de Creación Contemporánea Alg-a, haberá un intercambio físico contínuo que agora mesmo se da sobre todo no contexto da rede.
Por outro lado Alg-a ten un problema bastante importante pero de moi difícil solución que é o idioma. Dado o alto índice de actualización da web non podemos traducir o contido ao Inglés e casi toda a información se atopa en galego. En seccións que non se actualizan diariamente e que teñen contidos máis temporais como no caso do netlabel empregamos tanto o inglés coma o galego, o que fai que sexa unha das partes da web que ten máis visitas do exterior e a que recibe máis referencias dentre páxinas extranxeiras. Pero aínda que sabemos que moitos contidos que poñemos tódolos días son de interese internacional, non podemos poñelos en inglés, xa que a nosa primeira língua é o galego e non temos medios suficientes para traducilo. Este é un problema moi grave porque sabemos que perdemos moita repercusión e feedback, pero cremos importante non perder unha identidade e sobre todo cremos importante exercer a liberdade de expresarnos coa lingua que mellor reflexa os nosos pensamentos e sentimentos, sobre todo porque nos sentimos afortunados por ter alg-o tan rico culturalmente como é unha lingua propia.
Hai varias comunidades que funcionan de xeito similar á nosa, áinda que loxicamente cada unha cunha extructura diferente. Por exemplo está na Coruña Aderiva.net moi en sintonía co uso e difusión de ferramentas libres para a creación, a rede entorno Aregueifaplataforma, un netlabel de música en língua galega cuxas publicacións teñen unha grande aceptación entre a xente, e que completan coa revista dixital sono-tone, co blog A Regueifa e incluso co programa na Radio Galega Música Radio Oceánica. Tamén por suposto está a comunidade mediateletipos.net, que aínda de índole nacional, se podería decir que é de base galega, xa que o seu fundador Chiu Longina e outros 3 membros máis son galegos. Toda a rede en torno ao myspace de creadores galegos tamén forma unha comunidade, e hai moitas máis e moitas combinacións diferentes que adaptan formas diversas. Moitas adquiren o formato blog e toman forma de comunidade a través das dependencias das súas ligazóns a da interrelación que crean entre eles, como pasa por exemplo no contexto dos creadores de comics galegos. Quizáis a nosa comunidade distínguese facilmente como tal porque se atopa centralizada nunha sóa páxina web, pero as formas e as redes que vai creando a xente poden chegar a ser moi diversas, moi complexas e cun índice de implicación moi grande.
2.Dentro da arte multimedia o que máis sobresae dos teus proxecots é a arte sonora, algo con pouco pasado en Galicia. Traballas con todo tipo de sons: grabacións diversas, ruídos, sonoridade ambiental, música…Sen embargo, ¿poderíase decir que existen unha serie de leitmotivs que se repiten nos teus proxectos? ¿cales?
Cada un dos proxectos sonoros ten as súas normas. Así como nas accións si que tiña unha serie de ideas coas cales ía experimentando ao longo de todas elas, cos traballos sonoros máis ben cada un ten as súas propias normas de xogo.
En Fola, por exemplo, traballo exclusivamente co son da gaita e con cómo se adapta aos diferentes contextos dixitais (softwares) que vou creando. As normas son que só podo empregar son ou ruídos xerados polo obxecto gaita, que haberá tantas composicións como sinta necesario experimentar ao longo da vida, que cada unha funcionará de forma autónoma e non dependerá da outra, e que tódolos contextos donde se transforme o son serán dixitais. Así por exemplo, na composición Zíncrona traballo co son que produce a palleta xusto antes de que o punteiro emita a nota. Este é un son roto e fragmentado, unha explosión de dor en forma de “trrrracs” acompañado por ruído de vento de fondo que dura apenas unha décima de segundo. Este temblar sonoro, similar ao tosido gutural que fan algunhas persoas antes de falar en certas ocasións, é o que rixe toda a estructura e forma do son na composición.
En Fol, traballo o obxecto que contén o son, porque hai obxectos que están exclavizados polo son que emiten, como por exemplo unha campá, que sempre será unha campá porque non é libre, e non pode facer outra cousa máis que emitir o son que se espera que emita (¿que pasaría por exemplo, se tiraramos 50 campás dende as escaleiras do último piso dun rañaceos de 50 plantas, e saísen todas pola porta da entrada tan campantes). Entón o Fol se infla porque porque xa non sabe que facer, e o único que pode facer e inflar e inflar, ata que adquire un tamaño descomunal, e adquire un tamaño tan monstruoso que o son que emite fai temblar as paredes de donde se aloxa, e atrae a tódolos curiosos, hipnotizados polo son, a tocar a súa barriga e comprobar as contorsións da súa liberación mostruosa (por certo que mentres estivo exposta no MARCO, un día de tanto que se inflou, o Fol reventou cun estoupido tal que parecía que quería facer un furado no teito para poder saír voando cual globo que se vai desinflando polo aire. Logo tivemos que poñerlle un remendo á grande abertura que se lle abrira polo ventre).
No video Shellac. Un minuto. No Parque de Acción. Trato o son como fenómeno físico, desvelando que o son é movemento, que non se mostra visible aos nosos sentidos, pero que se manifesta e moldea no espacio e no tempo. Con este video simplemente se fai visible esta propiedade, a través dunha coreografía de dous altavoces que son movidos no escenario polo propio son que emiten. Trátase de que o son mostre a súa propia natureza, que se mostre a sí mesmo, que diga: “Aqui estou eu e así son, a si que parade de empregarme só para facervos bailar”.
(Vaia, ao escribir sobre estas tres pezas creo que saiu un leitmotiv, que estaría en que o son é tratado como unha liberación de si mesmo. Darlle unha oportunidade de que se revele como potencia creadora, darlle un lugar no que se lle permita expresarse, darlle unha oportunidade de saír da escravitude da mirada humana e de que se mostre dende a súa propia natureza).
3.Das importancia ao proceso, ao evoluir da obra máis que ao seu resultado final. ¿Cómo é o proceso creativo de Berio Molina?
O proceso é contínuo, e si hai peza final, esta non é máis que unha marca suliñable na liña do tempo. A pesar de que esto sóa a “discurso de arte contemporánea”, con tódalas connotacións negativas que poida ter, por desgracia moitas veces non é máis que a dura realidade da que non podes escapar, e da que che gustaría por fin rematar alg-o e pasar a outra cousa.
Dende hai algúns anos atópome nun proceso no que a tecnoloxía cada vez cobra máis importancia na miña vida. En concreto a escritura de códigos de programación estase convertendo na ferramenta para xerar calqueira cousa creativa que faga. As linguaxes de programación provocan que vivas normalmente inmerso nun proceso no que nunca se acada ningún resultado final pleno, senón que o que provoca é que vaias mudando de fases, así pasas dunha fase alpha, logo a unha fase beta, logo publicas alg-o que funciona e é entendible ou está preparado para que sexa percibido pola xente, que soe ser alg-o así como versión do programa 1.0, pero logo fas melloras e volves á fase alpha outra vez, logo á fase beta ata que alcanzas a versión 2.0, e continuas así ata o infinito, ou ata que se perde o interés e vai morrendo lentamente.
Este proceso creativo é moi emotivo xa que posibilita a inmersión doutra xente nel, e posibilita o traballo colectivo. O código é unha ferramenta de por si participativa, a súa natureza é comunitaria e en parte esta é a culpa de que sempre estea en proceso, xa que sempre haberá alguén que lle meta man e queira cambiar alg-o. Unha metáfora perfecta do que é a cultura e a creación, un proceso contínuo que muda e toma forma dependendo dos axentes que actúan activamente nel, canto máis participas, máis peso tes, máis che da e máis recibes.
4.Pero a túa traxectoria ten tamén outra cara, a performativa ou de arte de acción. Fálanos da presenza desta vertente na túa traxectoria que tan entrelazada se atopa cos teus traballos sonoros.
Comecei facendo arte de acción co colectivo de performances FLEXO no ano 1999, ao mesmo tempo facía algunha pequena acción pola miña conta ata que fun a un curso impartido por Esther Ferrer no CGAC no 2000, un curso moi bo que me fixo comprender o que estaba facendo, darlle nome ás cousas e vivir a acción con moita ilusión, así como coñecer a moita outra xente que facía cousas parecidas como Loreto Martínez ou Félix Fernández. A partir de entón levei a cabo accións con bastante asiduidade ata que mudei de cidade, ferramentas, e empecei a interesarme por outras cousas, máis ou menos polo 2005.
As accións que faciamos con Flexo tiñan todas unha dirección moi marcada, baseabamos o proceso na anulación do autor en favor do traballo colectivo expandido a un indeterminismo na autoría mediante o cal calqueira podía intervir e darlle unha volta a todo. Ademáis estabamos moi interesados na percepción das accións a través da estimulación sensorial do momento, anulando ao expectador de calqueira exercicio intelectual que o obligara a separarse da obra e exercer calqueira tipo de crítica. Queriamos unha inmersión total do espectador e recurriamos a unha forte carga da “presencia” na acción, como por exemplo nas series de accións de Acouple. Asimesmo empregabamos a tecnoloxía e os medios de forma que falaran por eles mesmos someténdoos a unha compulsión interna, coa intención de que desvelara a súa natureza, como por exemplo nas series de accións Furasón ou Yeni. Tamén tiñamos toda unha serie de teorías ligadas ao proceso de creación dende a colectividade, a través da metáfora dos “flexións”, uns conxunto de 3 seres cuns comportamentos determinados, que cando entraban en relación uns con outros modulaban ao seu antoxo o tempo e o espacio, creando un sinfín de variables. Deixei Flexo no 2004, logo de que remataramos de organizar a terceira edición do festival IFI.
Nas accións que facía só, fóra de Flexo, empregaba estratexias que sigo tendo presentes hoxe. Por exemplo, todo tiña que pasar por “necesidade”, a interrelación entre os obxectos, o espacio, o tempo, o meu corpo e a xente que me estaba vendo, creaban uns vínculos de necesidade, polo que por exemplo esixía que unha mesa necesitaba que a miña boca se adaptara á súa forma lonxitudinal, ao mesmo tempo que ao estar a boca en succión coa mesa, o meu corpo tiña a necesidade de tomar moito aire antes de facelo, xa que logo non podería respirar, do mesmo modo que ao moverme lonxitudinalmente pola mesa coa boca pegada ao seu borde, este movemento necesitaba que se desprendese un pouco de aire, e que este ao saír, necesariamente emitira un ruído de fricción, e así ata que por necesidade era obrigado que rematara a acción.
Tamén gostaba nestas accións de xogar co expectador, gustaba miralo e sentir como se poñía nervioso por non saber cal era o seu papel, implicalo deixando canles abertas ó seu potencial de intervención, xogar co seu límite de papel de expectador. Esta idea tomou o seu punto máis complexo coa acción do garfo, na que facía complice ao expectador dunha acción criminal absurda que levaba a cabo nunha cafetería, provocando un cortocircuíto co garfo que me daban ao pedir un café con leite e un curasán. Tamén coa acción Bludi Meri, na que facía un cóctel e xusto cando a xente pensaba que iamos a beber todos del, o tiraba contra a parede, convertíndose nun coctel molotov.
5.Un dos teus proxectos máis coñecidos é o titulado FOL, para Urbanitas, no que ao redor dun fol de gaita de enormes proporcións multiplicábanse unha serie de micrófonos conformando un complexo sistema de audio… en proxectos así, música folk e sofware, paradóxicamente, danse a man, e as gaitas transfórmanse en “gaitas-laptop”. A cotío cítasete neste eido xunto a outros referentes como Xesús Valle. ¿Qué outros nomes citarías como referentes destacados nesta área? ¿Influiron dalgún xeito na túa obra?
Ademáis de Xesús Valle que ten unha especial sensibilidade hacia a forma do son, en Galiza destacaría a Chiu Longina e a súa capacidade e xenerosidade para facer que os demáis amemos e nos emocionemos co son, Durán Vázquez por facer que o ruído chegue tan adentro, MadammeCell pola súa liberdade e o seu sentido do humor volcados no son, a Mig polos seus grandes inventos, tanto de interfaces hardware e software como sonoros, a Carlos Suárez polo seu amoroso traballo coas paisaxes sonoras, a Isaac Cordal polo seu traballo con Maina, a Mequetrefe pola súa xenialidade pop, á A.C.Fase pola súa labor de difusión da música experimental, por suposto ao colectivo SINSALaudio, pola súa labor incansable de promotora da arte sonora, e por último aos Resentidos, por esa atrevida e aínda hoxe actual e intelixente mixtura de cultura galega e experimentación.
Fóra de Galicia, destacaría ao grupo americano dos oitenta Big Black, que logo sería Rapeman e logo Shellac, por misturar tan naturlamente a música electrónica do momento coa experimentación sonora e a forza da presencia punk. A Miller Puckett por desenvolver os dous softwares (pure data e max/msp) que permiten a liberdade de creación a partir da programación sin estar atado ás propias leis dos softwares de audio convencional. A Amit Pitaru por recoller o testigo de Golan Levin nas posibilidades das GUI en relación ao son, ao desenvolver a librería sonia para o entorno processing e facer proxectos con ela como a Sonic Wire Sculptor, e por suposto por frases como “así como uno puede acercarse y ver la pincelada de un artista, con los píxeles debería entregarse el código pues, a la larga, es como la pincelada”. Ao grupo xaponés Optrum por demostrar nas súas actuacións que as interfaces físicas para a manipulación de son tamén se poden maltratar. Á portuguesa Adriana Sá polo seu traballo da luz en relación co sonido, que tomaría como referencia nunha das miñas performances chamada Electroshonk, e por último a Richard Stallman pola seu traballo coas licencias libres, e posiblemente un dos culpables indirectos de que hoxe existan netlabels, ademáis doutras virtudes de liberdade que hoxe temos en relación coa creación, coa cultura e coa sociedade.
Portada do libro donde foi publicada esta entrevista.
6.Completaches a túa formación cun máster en Artes Dixitais da Universitat Pompeu Fabra de Barcelona, lugar que se convertería no teu lugar actual de residencia e traballo. ¿Hai algún proxecto ou momento da túa traxectoria que consideras que marcou un antes e un despois?
Completei a miña formación co máster que mencionas, pero como aínda son un ser incompleto, agora estou facendo un máster en Computer Graphics Design en Rochester, Nova Iorque, gracias a unha beca da Fundación Barrié de la Maza, intentando aprender todo o posible sobre a programación e o uso de códigos informáticos en relación coa creación.
Si teño que elixir un momento que marcase a miña vida, ese foi sin duda a organización do Festival IFI durante os anos 2002, 2003 e 2004 en Pontevedra, e mentras era estudiante na Facultade de Belas Artes.
Antes de que existira a idea do festival, no 2002 a Facultade estaba movilizada polas protestas en contra da L.O.U., foi un momento no que a xente da Facultade se organizou a través da Asociación de Alumnos na que estaba de presidente Horacio González, e donde había moita xente interesada e con moita capacidade de mobilización como Iria Hermida e o colectivo Imput Select, que prepararon un evento no Pazo da Cultura chamado LOU Parade. Por outro lado, mediante tamén a Delegación de Almunos organizamos un obradoiro de son, donde a través de Julio Gómez de SINSALaudio, coñecimos por primeira vez a Chiu Longina, que era o mestre que daba o curso.
Logo de que pasaron as protestas da L.O.U., e mixturando a capacidade organizativa do momento da Delegación de Alumnos, máis o Colectivo Flexo e a súa experiencia en traballos colectivos, e máis Chiu como representante do colectivo SINSALaudio e a súa capacidade para producir eventos en relación coa arte sonora, decidimos crear un festival donde se dera cabida á creación e máis ao son, dende un transfondo das novas tecnoloxías, que lle puxemos de nome IFI.
Levamos a cabo tres edicións en tres anos, e foi no proceso de producción do festival donde entablamos unha profunda relación entre os que estabamos implicados, sobre todo persoalmente sentinme moi preto a Chiu Longina e Horacio González, cos que hoxe en día traballo co proxecto Escoitar.org. Asimesmo creáronse moitos vínculos con artistas, músicos e con xente achegada, como co colectivo Ludd34560, que viña das cenizas do colectivo Imput Select, e cos que hai algúns anos fundamos xunto con outra xente a comunidade Alg-a. Tamén coñecín a moita xente como Durán Vázquez, Xesús Valle, @C, que teñen publicados varios traballos no netlabel alg-a, e artistas como Lia, Adriana Sá, Konic ThTr, Bmbcon, que probocaron que me metera de cheo no mundo dos novos medios.
O festival IFI, abriunos o mundo da colectividade, e xerou lazos de traballo que siguen posibilitando que levemos a cabo moitos proxectos. Sin eles seguro que non tería a identidade como creador que teño hoxe, e non sentiría tanto apego a unha cultura que xa a tomo emocionalmente como miña, porque gracias ao traballo colectivo, formo parte activa dela.
7.¿Cales son os elementos/circunstancias que che permiten seguir creando?
As circunstancias que me permiten seguir creando son a ilusión e as ganas de facer cousas, as motivacións persoais veñen de cousas que ves e que queres chegar a facer, retos técnicos, cando ves alg-o e dices: “eu tamén quero facer eso”.
Por outro lado o continuo contacto cos demáis colectivos dos que formo parte e cos que comparto tódalas inquedanzas, fai que esteamos en contínua posta a proba con nós mesmos, e fai que sempre haxa algún proxecto para facer.
Dende logo, estes elementos os probocamos nós, e non esperamos a que para crear, alguén nos apoie algún proxecto. Nós facemos as cousas porque as sentimos necesarias e logo as presentamos, si teñen acollida moi ben, senón seguimos facendo.
Agora mesmo estou nunha situación de luxo, xa que grazas á beca de Barrié de La Maza, podo estar dous anos investigando e dedicándome exclusivamente ás inquedanzas do momento, que son a programación de lenguaxes informáticas aplicadas á creación e a construcción de interfaces físicas. De todas formas o ano anterior de virme para Rochester estiven vivindo con 500 euros ao mes pagando 150 euros de alquiler nun baixo-taller-vivenda que compartía con Isaac Cordal na zona da Pastora, en Vigo. Os cartos gañávaos de facer páxinas webs pola miña conta, o que me permitía ter suficiente tempo libre para dedicalo á creación. Polo tanto o meu lado creativo tanto individual como colectivo nunca dependeu do mercado, nunca gañei os suficientes cartos coa creación que puideran manterme nun nivel de vida modesto e básico, e tiven que recurrir a outras cousas para ter un pequeno sustento económico. Tampouco quero que esto cambie, prefiro que a miña labor creativa sexa independente das miñas necesidades económicas, simplemente porque o que fago non é rentable economicamente no mercado galego da creación.
Esto non impide que me presente a diferentes convocatorias para ver si o meu traballo resulta interesante a diferentes institucións privadas ou públicas, e deciden apoialo como pasou coa fundación Barrié. Primeiro fago as cousas e logo vexo si lles resultan interesantes á xente que me pode apoiar.
No plano colectivo o funcionamento é alg-o diferente, deseñamos proxectos dende as dúas Asociacións Culturais das que formo parte: Alg-a e Escoitar.org, e as presentamos a diferentes convocatorias de subvencións para atopar finanzamento. Sempre nos dan alg-o para realizalos, aínda que sempre temos que refacer o proxecto xa que non é suficiente para levar a cabo tódalas actividades que tiñamos proxectadas. Tamén presentamos proxectos aos museos e fundacións para posibilitar que máis xente participe neles, e as veces sáen para adiante.
Pero non sempre é así, e a veces o apoio si ven, é con anos de retraso. O proxecto do Laboratorio de Alg-a comezou haberá xa uns dous anos, pediamos algún lugar donde poder montar o Centro de Creación, e non foi posible. Tivemos que facer, entre outras moitas cousas, algunha Okupación simbólica reivindicando espazos abandoados aos que se lle podería dar algún uso, fixemos entrevistas a arquitectos que traballaban con espazos abandoados como Santiago Cirugeda, publicamos un documental sobre toda esta búsqueda, e ao final tivo a súa recompensa cunha cesión de dous contenedores por parte de Cirugeda. O primeiro apoio real viña por unha persoa sensible co proxecto e de fóra de Galiza, non por ningún tipo de institución privada ou pública. A partir de ahí volvimos a refacer o proxecto e volvimos a movelo por diferentes sitios ata que recibimos o apoio da Xunta de Galicia, o cal agradecemos profundamente. Agora mesmo estamos na última fase, na búsqueda dun lugar donde asentar os contenedores, e as cousas apuntan ben, aínda que seguimos escasos de medios e recursos.
Como xa dixen antes, as nosas actividades sáense do mercado convecional cultural en Galiza, o que fai que as nosas circunstancias para seguir creando ou desenvolvendo proxectos sexan ante todo sentimentais e exclusivamente culturais.
8.¿Qué proxecto che gustaría levar a cabo nun futuro?
No plano individual estou traballando coa visualización de datos, e estou moi interesado en construír unha serie de GUIs (Graphical User Interface) para a manipulación de audio en tempo real. A idea é construír interfaces gráficas para a manipulación de audio. Xogar cos mecanismos de construcción de composicións gráficas en movemento e interactivas que teñan unha resposta directa no sonoro. As posibilidade de xogo son moitas, sorprendentes e atractivas, como demostra o traballo xa feito por Golan Levin, Amit Pitaru, Sergi Jordá coa reacTable ou as pequenas aplicacións de soundtoys que estiveron tan de moda hai dous anos. Ferramentas como Processing, Openframeworks e Puredata, máis o protocolo de comunicación de audio OSC, facilitan moito este traballo hoxe en día.
Tamén estou moi interesado, igual que fixera con Fol, nas interfaces físicas para manipular son, e teño en proxecto dous instrumentos máis que me gustaría facer.
No plano colectivo, teño xa gañas de ver funcionando o proxecto de Laboratorio Alg-a (centro de creación contemporánea).
Con escoitar.org simplemente desexo que o proxecto se siga desenvolvento e que vaia collendo máis forza e presenza.
9. Atopácheste cunha realidade difícil para levar a cabo iniciativas de arte multimedia en Galicia, neste senso, ¿consideras que a remuneración do teu traballo en exposicións ou producións foi o adecuado en Galicia?. ¿E fóra?
Tan só recordo unha exposición na que sentira valorado o meu traballo dende o punto de vista económico, que foi a exposición que realicei para o Campus de Ourense comisariada por Xosé Manuel Buxán, dentro do programa de exposicións da Sala Alterarte. De todas formas debo recalcar que normalmente non fago exposicións, e que na miña vida tan só debín de realizar como dez ou así. Tanto fóra como en Galicia, nunca recibín unha cantidade de cartos digna polo traballo que fago.
Supoño que ademáis do problema político e xurídico, hai tamén un problema de actitude. Moitas veces nos temos atopado co problema de que cobramos as obras en relación ao custo que supón a súa montaxe, e recibimos cartos para adquirir material para realizala e para a súa posterior intalación nun museo ou entidade, pero cando se fala de pagar un caché ou uns gastos de man de obra para a producción da mesma, esto amósase unha tarefa practicamente imposible. Debido, poida que en parte á partida presupostaria das institucións, que non contemplan esta necesidade, e poida que tamén en parte, debido á nosa situación aparentemente ilegal donde nin somos autónomos, nin temos unha empresa e donde a veces facer facturas é un quebradeiro de cabeza para ambas partes da negociación.
Agora ben, a parte destes problemas legais e de xestión, tamén existen outros problemas de actitude. Como xa dixen, a maioría das veces a nosa actividade non se ciñe a presentar unha peza para unha exposición, senón que levamos a cabo todo un proceso de producción no que traballamos intensamente durante un longo periodo de tempo. Como sucedeu no laboratorio de audio que levamos a cabo recentemente no MARCO. Polo tanto nós non podemos cobrar por unha peza que presentamos nun sitio, nos temos que cobrar por todo un proceso. Si temos que estar 3 meses 4 horas ao dia nun espazo porque estamos facendo un laboratorio, non podemos cobrar tan só pola montaxe, e entendela como unha exposición, senón que temos que cobrar por todo o tempo que pasamos traballando nela, tanto no proceso de investigación previo e que segue logo, como no tempo que estamos alí.
As veces que estiven fóra non foi para cobrar, senón para pagar por unha formación. As veces que actuei fóra con Flexo, ou eu só, foi un pouco o mesmo, non cobramos moito. Con Escoitar.org, si que atopei un beneficio xusto nalgunhas ocasións, como no festival Eutopía de Córdoba, donde si que estaba claro que cobrabamos as horas de traballo que estivemos alí.
10. Actualmente atópaste nos Estados Unidos disfrutando dunha bolsa de formación, pero no tocante ás axudas que ata agora tes recibido, así como ós apoios cos que contaches para crear (desde institucións ata colaboracións con outros profesionais. etc) ¿Consideras que son suficientes para cubrir as necesidades dun artista hoxe en día?
Non, sobre todo dende o meu punto de vista, noto unha grande falta de apoio en relación cos creadores que estamos fóra do mundo da arte contemporánea. A arte contemporánea deixou de ser un concepto xenérico que representa á creación artística do momento (si algunha vez o foi) para pasar a ser un estilo e sobre todo un producto de mercado. Desligar ás institucións ao concepto da arte contemporánea e ligalas a un concepto de creadores, comunicadores, investigadores e accionistas da cultura do dia a dia, donde non só se sintan implicados os “artistas contemporáneos”, senón que posibliten a integración de xente de diversos campos como biólogos, enxeñeiros, músicos e demáis xente que teña interés pola cultura contemporánea, é unha necesidade fundamental si queremos que o amplo número de creadores que están activos teñan unha representación e un apoio real por parte das institucións. Varias son as accións que se deberían levar a cabo pouco a pouco pero urxentemente para que esto sucedera, estas son as 3 que me parecen máis destacadas: Descentralizar a actividade da consellería de cultura da Xunta de Galicia no CGAC, promover o finanzamento de proxectos colectivos, promover a actividade artística dende o concepto de laboratorio.
A consellería de Cultura, no tocante ao relacionado coa arte, delega toda a súa actividade no CGAC, convertindo ao centro de Arte contemporánea nunha delegación máis do equipo de goberno. Este feito deixa orfas a moitas outras manifestacións creadoras que non teñen lugar na arte contemporánea e ao mesmo tempo a centraliza nunha cidade, cando en Galicia toda a actividade se atopa dispersa por todos os seus nucleos urbáns. A disculpa que da a Xunta é a de que os “artistas contemporáneos” non se atopan organizados, polo que é imposible aplicar os mesmos patróns de apoios e axudas que reciben outros campos como o audiovisual ou o escénico, e que polo tanto só lle queda delegar na punta máis rechamante da lanza, o CGAC. Mais si nos alonxamos da arte contemporánea e nos centramos noutro tipo de creadores, si que atopamos que hai xente organizada e xente que está demandando un apoio, como moitos dos colectivos que nomeei anteriormente. Mais as axudas da Xunta e dos concellos son moi tímidas e non se atreven a apoiar como deberían estas iniciativas, quizáis por medo a que se diga que responde a favoritismos. A xunta e os diferentes equipos de goberno deberían apoiar, arriscar e atreverse a impulsar máis decididamente estas iniciativas e non delegar toda a súa acción nun par de institucións. Nós estamos xa cansados de recurrir ao goberno e aos concellos en busca dalgún apoio aos proxectos que dende diversas asociacións culturais desenvolvemos, e decididamente, o apoio é moi deble. Ao mesmo tempo estamos cansados de ver como os intereses políticos se antepoñen aos intereses culturais, e como sempre logo duns primeiros contactos positivos, todo se vai ao pique por falta de entendemento político que afecta moi negativamente aos desenvolvementos dos proxectos, e por ende, ao finanzamento dos mesmos. Polo que pediría que se definiran claramente unhas politicas de acción cultural moi concretas para que logo non haxa estes tropezos e o equipo de goberno non se atope tan perdido.
Seguindo co punto anterior, debería haber máis axudas orientadas a actividade colectiva. Convocatorias a proxectos como por exemplo, dotar de actividade cultural a espazos abandoados, ou convocatorias para promover traballos de “investigación” ligados a creación como sería por exemplo unha convocatoria a proxectos de difusión da creación na rede. Convocatorias para realizar residencias, para permanencia en talleres, etc… Tanto institucións públicas, como privadas e obras sociais, deberían fixarse máis nesta actividade colectiva que é realmente a que xenera cultura e crea necesidades e demandas.
Por último, o que creo que realmente cubriría as necesidades dun creador, comunicador, investigador, técnico, etc… ligado coa cultura contemporánea, sería apostar definitivamente pola idea dos laboratorios e os centros de xeración de cultura, como os xa en certa medida famosos, medialab. E esto supón que deixe de ser algo secundario e anecdótico e pase a ser o programa principal de centros como o CGAC e o MARCO, así como apoiar e financiar a creación doutros espazos. Estes centros deberían deixar de facer tantas exposicións de arte contemporánea e dedicar máis espazos e orzamento en favor a desenvolvemento de eventos, festivais, cursos e incluso propoñer liñas de investigación e residencias. Son necesarios centros donde non tan só se mostre un tipo moi expecífico de arte, que non interesa á maioría dos creadores, senón nos que se desenvolva unha actividade realmente de dinamización cultural nos que haxa obradoiros, residencias, eventos, festivais, e donde, sobre todo se financien proxectos de investigación relacionados coas ferramentas multimedia ou máis convencionais. Hai moitos exemplos que poden servir de modelo, o Eyebeam de Nova Iorque, ou sen ir tan lexos o medialabprado de Madrid, son infraestructuras que permiten un claro diálogo entre as intitucións, a sociedade e a actividade cultural, creando unha demanda, educando, e o máis importante, implicando a xente interesada pola cultura actual provinte de campos moi diversos, e polo tanto realizando unha representación máis real dos creadores. Estas iniciativas deben de provir tanto da Universidade, como das institucións como museos e centros de arte, así como de fundacións, asociacións.
Ata que non se alcance este cambio de sentido, nunca se verán cubertas as nosas necesidades. Moitos de nos seguiremos investigando, desenvolvendo proxectos, promovendo eventos, realizando residencias sin apoios da sociedade na que vivimos, e sin ningún lugar donde poder mostrar o noso traballo, sin que mellore cualitativamente, índonos a outros lados buscando un mundo mellor. Simplemente, e insisto, porque o que a maioría de nós facemos non é arte contemporánea.
Moitas grazas.
A vós.
Rochester, venres 4 de xaneiro do 2008.