Entrevista a Berio Molina por Xosé Manuel Lens

Esta é a entrevista que Xosé Manuel Lens me fixo para o proxecto Búmerang da páxina web Culturagalega.org. Búmerang son unhas serie de entrevistas que Xosé Manuel fai a diversos autores galegos.
A entrevista tivo lugar a mediados de decembro do 2005:

Búmerang1. Nas túas obras detectamos unha clara tendencia ao agrupamento procesual, no multimedia, na proposta plástica e na performance. ¿Cales serían as claves do teu traballo nestes anos ou no que che interesa traballar?

Si, O proceso é moi importante, non só que na peza final quede patente o proceso como un elemento estético máis, senón que se faga público.

Sempre vin cun interese moi grande o que di a xente que crea, e sobre todo ver como o levaron a cabo, cales son os métodos, as ideas e a técnica que utilizan. Isto último quizais é o máis interesante, abrir totalmente o proceso tecnolóxico para poder aprender o que fan os demais, sería como volver aos métodos de aprendizaxe do artesán pero no contexto tecnolóxico. Sen dúbida, saber facer tecnicamente as cousas abre moito e enriquece o proceso creativo. Por exemplo, saber o programa e o código fonte que utiliza Golan Levin para as súas instalacións quizais sexa máis interesante que todo o desenvolvemento conceptual, así como coñecer o hardware que utiliza e os trucos tecnolóxicos.

Sen dúbida, o coñecemento tecnolóxico é unha ferramenta de poder e de valor na creación actual, e abrir este coñecemento posibilita a popularización da creación e a descentralización do coñecemento.

Outro exemplo deste interese cada vez máis estendido na creación dixital atopámolo na comunidade ao redor do software processing, onde todas as animacións creadas con este entorno mostran o código fonte de como foron creadas, de forma que calquera poida apropiarse delas e evolucionalas.

É unha forma de achegarse ao ideal da creación colectiva sen perder a estima da individualidade.

Por iso na miña páxina web, intento mostrar como son realizadas as obras, tanto dende un punto de vista conceptual como tecnolóxico.

A parte deste interese no proceso, tamén utilizo como métodos creativos o que chamo a liberación dos obxectos, é dicir a observación dos obxectos para liberalos da súa función convencional. Este método é empregado na performance do garfo, onde emprego un garfo que me dan nunha cafetería ao pedir un café con croasán, para facer un cortocircuíto nese local, e apagar todo aquilo que funciona coa corrente eléctrica.

Tamén me gusta traballar coa forza presencial do espectador e da peza, coa idea de crear unha tensión que converta o momento da exposición en único.

Non me gusta traballar con temas nin con ideas que xustifican a peza. As miñas pezas non falan sobre o corpo, nin sobre o interior-exterior, nin sobre a adolescencia, nin sobre o espazo, nin sobre o apropiacionismo, nin sobre a loucura, nin nada polo estilo. Ás veces poden xurdir estes temas ou outros no proceso creativo pero nunca son a finalidade da obra, nin moito menos lle dan significado. Só son estratexias utilizadas na súa composición, na construción da súa estrutura.

Por exemplo, no proxecto fola, marco unhas leis de comportamento, que todas as pezas dentro dese proxecto deben cumprir, son uns xenes, unhas cualidades «pai» (que é o proxecto) e os «fillos» as pezas, desenvolven unhas características propias que as fan únicas, aínda mantendo as cualidades do pai.

Polo tanto, estas cualidades son ferramentas metodolóxicas que lle dan unha estrutura onde a peza colle forma, pero nunca son o suficientemente significativas para que lle dean a identidade, xa que esta se completa coa percepción do espectador, oínte ou usuario, e co que a propia peza xera ao realizarse.

http://www.alg-a.com/org_berio/SPIP/rubrique.php3?id_rubrique=13

Búmerang2. Advertimos a túa complicidade con numerosos proxectos, iniciativas e certames (Alg-a, Flexo, etc.), onde sobresae a experiencia desde a arte sonora, sendo o teu un dos nomes máis activos; unha tendencia con pouca tradición no plano galego. ¿Que códigos debemos manexar para a súa interpretación?

Acórdome dunha anécdota que pasou cando estudaba na Facultade de Belas Artes. Unha profesora puxera un exercicio que consistía en que a partir dun par de conceptos antagónicos, había que facer unha obra. O exercicio era puramente conceptual, é dicir, partíase de dous nomes para facer a peza, non se facía ningunha referencia ao método, ao material, á tecnoloxía nin a nada. Só dous nomes abstractos.

Antes esta materia era a clasicamente denominada Pintura, pero por causas das renovacións académicas pasou a chamarse Procesos pictóricos e escultóricos.

Os conceptos escollidos foron «conter/separar» e decidín que o ía facer exclusivamente con audio; son dentro dun ordenador; números ao fin e á cabo que se mostran esteticamente a través de conversores de códigos.

Fixen un total de 5 composicións sonoras que sobre todo recorrían á densidade e ao baleiro, ao silencio e ao ruído.

Cando fun entregar estas composicións a resposta da profesora foi que o traballo non entraba dentro da competencia da asignatura e que, polo tanto, non podía ser avaliable; que se non existía nada visual non era válido.

¿Onde estaba o problema?

Recordo esta anécdota como un aviso de que o uso dun código para ver unha creación artística non é unha forma de vela libremente.

Neste caso era moi fácil entender a obra, xa que se sabía de onde partía, todo o mundo o sabía, e non só iso, senón que se podía contrastar con outras pezas que procedían do mesmo punto de partida, polo que a súa comprensión dialéctica mostrábase moi apetitosa e accesible.

Pero non era «pintura» nin «escultura», era «música» en aparencia, e iso impedía que non se comprendese, aínda que só se tratase dun soporte coma outro onde os conceptos tomaban forma. Había un problema de contexto, e polo tanto había un problema de cultura e, polo tanto, un problema de código que impedía ver a simpleza coa que se mostraba a peza para a súa comprensión.

Quizais esa sexa a única barreira que impide ver a creación con total liberdade, a cultura non pon máis que barreiras e prexuízos á hora de ver calquera manifestación artística. Polo tanto, ¿que códigos debemos manexar para a súa interpretación? Creo que o uso de códigos que vaian máis aló do meramente técnico non serve de nada, e refírome a códigos técnicos a eses sen os cales nada funcionaría, como un conversor analóxico dixital, como a linguaxe que fai que nos poidamos comunicar. Pero logo están todos eses códigos estéticos profundamente condicionados pola cultura, eses son os códigos que non valen nada, porque non é un código libre, non é un código aberto que poidas entrar e modificar ao teu antollo, xa que é unha convención, unha constitución, algo que para que cambie se teñen que poñer moitos axentes de acordo.

Polo tanto non é necesario ningún código, só o instinto de deixar percibir o que se mostra evidente, sen que estea coartado polo código en voga.

Búmerang3. ¿Como advirtes a presenza da arte multimedia no territorio galego? ¿Con que autores ou narracións de todos os ámbitos che gusta identificarte?

A presenza da arte multimedia no territorio galego é escasa, e sobre todo, non se investiga arredor dela.

Hai que cambiar o «chip» e deixar de ver a arte como un super ente conceptual e de discurso, para centrarse na aprendizaxe tecnolóxica, no proceso técnico, nos medios de información e comunicación, na creación de comunidades de intercambio, na creación colectiva. Todo o demais ven ou virá como froito desta interacción.

Particularmente gústame identificarme con todo aquilo que ten un potencial creativo. Un obxecto calquera (o renxer dun moble cando o silencio da noite amplifica as convulsións da súa estrutura interna e a súa relación co contorno), un código fonte (e como este pode mutar para converterse noutra cousa, a mutación continua), a potencia sonora dunha gaita e a capacidade para que todo o que estea ao seu redor vibre.

Sinto un gran respecto pola creación de software como pure data ou processing, como unha gran forma de creación.

Ultimamente gustáronme moito os bichos de Theo Jansen, e unha libraría para a creación e manipulación tipográfica chamada Geomerative que levou a cabo Ricard Marxer para o contorno processing, que aínda non se publicou, pero que lle dá unha flexibilidade incrible á tipografía incrible.

Búmerang4. Eterna pregunta: ¿considéraste identificado cunha xeración de artistas galegos?, ¿unha clasificación que agruparía, digamos, desde finais dos noventa e comezos deste novo século?

Síntome identificado coa cultura galega desde o momento en que falo galego todos os días. É dicir, é algo do que non se pode escapar, polo que negalo sería antinatural e anticultural. Polo tanto, tamén me sinto identificado coa xeración de artistas galegos á que pertenzo, máis que nada con eses puntos en común que son ineludibles e máis fortes que o desenvolvemento individual ou a independencia contextual. Por suposto, todas estas cousas que se dan por defecto poden ser cousas contra as que hai que pelexar se se quere alcanzar unha orixinalidade e independencia creadora que te deixe obrar libremente, pero sempre hai un pouso que acaba definíndote en certa medida. Agora ben, o que habería que ver é se este pouso é significativo ou non.

Identifícome coa imposibilidade de atopar un traballo digno en Galicia que che deixe tempo libre para dedicalo á creación; con que a única forma de vivir da arte sexa a través de certames ou bolsas que duran só ata os 35 anos; coa imposibilidade de que o traballo que se faga en Galicia transcenda máis aló da súa comunidade; coas escasas posibilidades de adquirir coñecementos novos e punteiros; coa necesidade de marchar fóra para poder adquirilos; coa falta dunha infraestrutura que posibilite a comunicación e construción de nodos para o desenvolvemento da creación (non hai nin un só sitio onde se ofrezan obradoiros de forma continua onde a xente que crea poida entrar en relación, e teña un sitio onde poder traballar en proxectos un pouco ambiciosos); síntome identificado coa frustración de intentar crear cultura en Galicia.

Por suposto, síntome identificado coa comunidade de arte dixital libre alg-a, da que formo parte, e con moitas comunidades dixitais como mediateletipos que intentan crear cultura e comunicar ideas. Tamén me sinto identificado co colectivo sinsalaudio de Vigo e coa sala Nasa de Santiago e con todos os creadores que traballan á marxe das leis de mercado. Con todos os artistas do netlabel alg-a. Co recente proxecto editorial Edicións da Rotonda, con contidos de libre distribución. Con Isaac Cordal, Chiu Longina, Mig, Ig, Nela, Sr pause, Plumb and plumber, Durán Vázquez, Nautile, Zynish, Silvia Sánchez, nenoescuro, deJune, etc…


Búmerang5. Pensa nun proxecto que quixeras facer

Gustaríame deixar o mundo físico da creación e non botalo de menos, para somerxerme de cheo no mundo virtual.

Abandonar a lentitude, a podremia, a densidade, o acoutamento do mundo físico para poder fluír na axilidade, novidade, lixeireza e infinitude do mundo virtual.

Construír nun mundo que se está creando, no lugar de intentar levantar un mundo que se cae.

Gustaría somerxerme nas linguaxes de programación sen perder a frescura e o contacto da presenza física do espectador.

Ultimamente atráeme moito o contorno processing e a creación de interfaces. Gustaríame facer un controlador xigante, cun montón de botóns e faders para modificar todo o contorno no que está situado. Unha especie de construción de caos que se manifestase tanto dixital como fisicamente.

Tamén me gustaría modificar un pinball de verdade, para convertelo nun instrumento musical e de imaxes xenerativas.

Construír unha comunidade de mini-robots que ao moverse e golpearse contra unha construción xeran son.

Seguir co proxecto fola.

Facer un concerto co fol.

Aprender e dominar as linguaxes de programación.