Carrito 02
Carrito da compra. Micrófono. Unidade de efectos. Sensor de presencia.
Facultade de Belas Artes de Pontevedra.
2003.
Esta é a segunda versión da performance carrito que xurdiu como resposta a unha proposta de Javier Tudela. Debía realizar unha acción en tres actos que se debería corresponder con tres referentes seleccionados dunha base de datos construída por min a partir do nomeamento da proposta. A base de datos debía estar formada por todas aquelas cousas (fenómenos, accións, obxectos, etc…) que me seduciran. Unha vez seleccionados e a través dunha acción analítica tiña construír a performance, a cal debería estar estruturada en tres actos: presentación, nó e desenlace.
As fontes referenciais: unha roda de bicicleta, un portazo que se produce cando hai unha corrente de aire e a acción de colocar dous billetes de tren un enriba do outro, de modo que ao movelos se faga coincidir ou non o burato feito polo supervisor.
Un dos elementos que se utilizan especialmente nesta acción é o aletargamento dos significados: trátase dunha estratexa que utilizo para que o espectador non estea pendente de entender a obra polo que significa, xa que entendo que este proceso é unha barreira que hai que salvar para que o espectador se vexa inmerso no desenvolvemento da performance durante o tempo no que se produce a acción.
Os obxectos deixan de pertencer por un momento ao terreo da cotidianidade para entrar a formar parte nunha dimensión estrana na que o seu comportamento está marcado por unhas novas leis que o condicionan, fóra das estructuras predeterminadas pola convencionalidade.
O obxecto carro non está emitindo significados, non está emitindo unha información, senón que cede a súa condición para actuar como intermediario entre o espectador e o performer, trátase neste caso dun medio que soporta a tensión, o suspense entre os dous intercomunicadores. Non se trata de eliminar tódalas connotacións das que o carro da compra é portador, senón deixalas aletargadas. Este aletargamento dos significados dá mellores resultados na segunda versión da peza (Carrito02), onde a través dunha intensificación dunha cualidade nunca denotada polo obxecto, fai que o espectador centre toda a súa atención nesta novidade e se somerxa nas novas calidades formais que se están xerando.
Tecnicamente a peza conta cun micrófono atado ao carrito da compra que descende dende o teito, para recoller o son producido polo carrito mestres é manipulado e golpeado.
O son pasa por unha unidade de efectos, para darlle máis corpo e a unha mesa de mesturas para logo saír amplificado a uns altofalantes.
Nunha das esquinas da sala hai un sensor de presenza, que activa un son cun paneo que se move rapidamente dun lado a outro da imaxe estéreo. Este sensor é activado cando o performer tira o carrito contra el.