tócame

tócame

+ Forma por necesidade
+ Espazo
+ Distancia espectador-público
+ Economía de materiais


A composición formal desta peza ven marcada polo concepto de “necesidade”. As formas que interveñen modelando diversos aspectos como poden ser o espazo, o tempo, a distancia do espectador, os obxectos, etc...veñen marcados pola necesidade, é dicir, que son os que se dan porque así o marcan a conxugación e interacción entre eles no momento en vivo no que se realiza acción.

Así, polo tanto temos que, o tempo que dura a acción é aquel que delimita a capacidade do meu estómago e pulmóns para albergar aire, así como o tempo que tardo en expulsalo na súa totalidade sen que chegue a afogarme completamente, aí debe de acabar a acción.

Os obxectos que entran en xogo son unha mesa e unhas sillas que non teñen nada máis especial que o feito de atoparse no lugar donde se vai realizar a acción, neste caso a mesa e as sillas da aula de quinto de escultura da facultade; a aceptación da beira da mesa como interficie entre a miña boca e a mesma dáse porque se complementan morfoloxicamente as oquedades e comisuras da boca, coa medida angular da construción mobiliaria.

O son que se produce vén marcado necesariamente, e non pode ser doutras características, pola adaptación da boca á mesa e polas friccións causadas polo movemento aplicado sobre a superficie da mesma.

O descenso do meu corpo desde a mesa cara o chan é provocado pola dirección vertical da pata, e o movemento horizontal do corpo antes de atoparse con esta é inducido pola beira lonxitudinal da mesa.

Ao final acabo no chan sen máis aire nos pulmóns, sen poder producir máis sonido e sin superficie onde acoplarme. Este final tan concluínte marca a relación de necesidade entre os elementos que conforman a performance.

A obra xurdiu como unha afrontación da problematica do “espazo”, suxerida por un compañeiro. Así tentei que a razón da relación dos elementos fora tamén espacial:
o espazo que hai dentro dos meus pulmóns,
o espazo que hai dentro do meu estómago,
a forma espacial da boca e a forma espacial da mesa,
o son que se produce pola fricción deses dous espazos,
e o espazo que hai entre o espectador e o performer.

O traballo con materiais dun baixo ou nulo custe de elaboración, así como unha sinxela posta en escea e montaxe, permite unha grande experimentación e unha aprendizaxe rápida do que se está propoñendo, así como unha dinamicidade das propostas. Isto posibilita un posterior traballo máis complexo como poden ser unha serie de instalacións interactivas como por exemplo a creación dunha cámara de percepción musical ou o desenvolvemento de preceptos xa empregados nesta acción ( e outras que son polo estilo como a acción carrito 1 ou a acción de eu disfruto ti sufres) dentro dun colectivo, para unha creación e produción máis sofisticada.

A obra pode entenderse como unha provocación cara o público; ben pola excesiva proximidade entre o público e o espectador (hai un momento da performance na que un espectador se ten que alonxar do accionista) ben polo son un tanto burlesco que se produce ao crear fricción coa mesa, ou ben polo xesto obsceno de chupar a mesma.

De todas maneiras a miña intención non é facer unha provocación explícita, senón xerar un malestar no público provocado polos roles adquiridos na contemplación dunha performance. Como xa dixen anteriormente as estratexias que utilicei respondían a cuestións formais, pero ao confrontalas directamente co público cobran unha nova dimensión sedutora que enriquece o resultado final.

Nesta acción hai unha referencia á concepción de Esther Ferrer de entender a performance entorno a catro elementos: o espazo, o tempo, o obxecto e a presenza.