O garfo

Acción nunha cafetería, onde se leva a cabo un cortocircuíto cun garfo.

Título: O garfo.
Duración do video: 2" 49"".
Duración da acción: arredor de 10 minutos.
Ano: 2003.

Situación previa da acción:
Nunha cafetería concreta de Pontevedra, hai unha amiga (María) sentada nunha mesa. Esta sentada nesa mesa, porque esa é a única da cafetería que ten un enchufe xusto ao lado. María ten o teléfono móbil do accionista, e está agardando sentada esperando a que chegue.
En fronte da mesa hai unha cristaleira que cubre toda a fachada. O público atópase ao outro lado da cristaleira sentado no chan da rúa, mirando de vez en cando cara o interior da cafetería. Hai arredor de 15 persoas. Podería parecer sospeitoso tanta xente na rúa enfronte da cafetería, pero pasan desapercibidos.

Descrición da acción:
O accionista entra na cafetería e pide un café con leite e máis un curasán. Nese momento, María levántase da mesa e sae da cafetería. Diríxese cara unha persoa do público e entrégalle o móbil do accionista. Vaise e agóchase nun portal próximo dende onde pode ver a cafetería e a mesa. Acende a cámara de vídeo que levaba na súa bolsa e comeza a gravar.
O accionista diríxese cara a mesa que deixou baleira María, séntase e pousa o curasán e o café. Comeza a comer.
O accionista levántase e diríxese ao teléfono da cafetería. Descolga o teléfono e chama ao seu móbil. Unha persoa do público responde a chamada.
O accionista cóntalle que vai a facer un cortocircuíto na cafetería co tenedor que lle deron para comer o curasán, e que se baixarán os plomos de todo o local. Cóntalle que os da cafetería non saben nada, e pídelle que lles comunique ao resto dos asistentes a súa intención. É a primeira noticia que teñen sobre o contido da acción.
Unha persoa que está ao lado do accionista cando este fala por teléfono, mira para el estrañado, pero non comenta nada.
O accionista volve á mesa e continua comendo o curasán e máis o café.
O accionista mete a man no peto do pantalón e saca un garfo "preparado". Pono debaixo da súa perna sen que ninguén se percate.
O accionista deixa caer ao chan o garfo co que estaba comendo o curasán, mentres se agacha para recollelo, colle o garfo "preparado" e crávao no enchufe.
Saltan unhas pequenas chispas do mesmo, e ponse mouro pola queimadura. A televisión apágase así coma tódalas luces, a máquina tragaperras e demais.
O home que estaba a carón do performer cando falaba por teléfono, mira cara el. O accionista bebe un último trago ao café e érguese.
Cando sae da cafetería, indícalle ao público que o siga.
Remata a acción e o accionista comparte sensacións co público.

Contido da acción:
A acción está totalmente inspirada na obra de Alfred Hitchcock, e nos seus métodos de crear suspense, como vía para implicar ao espectador dentro da acción do filme.

Por un lado temos ao espectador:
+ En primeiro lugar procúrase que este sexa cómplice do crimen. E que desa maneira sexa tamén protagonista da ficción, que a constrúa. El sabe dende o principio o que vai a pasar. É como si soubera que alguén vai matar a outra persoa e non fai nada para evitalo. Neste caso o espectador sabe que se vai a facer un cortocircuíto nunha cafetería, pero permanece impasible aínda sabendo que o accionista pode ser "pescado".
A idea non é que o espectador interveña, senón que sinta esa complicidade. Debe preguntarse, aínda que non sexa dunha forma clara, por que o accionista quere que el saiba o que vai a facer, por que quere facelo cómplice da acción. Esa será a dúbida que o manterá en suspense, porque está implicado directamente dende unha acción do accionista: a chamada de teléfono.
+ En segundo lugar, e servíndonos outra vez do feito de que o espectador sabe o que vai pasar, este atópase nun estado de tensión moi grande. Para ilustralo, servirémonos do famoso exemplo da bomba de reloxo colocado debaixo da mesa, de Alfred Hitchcock.
A escena está formada por dúas persoas falando nunha mesa. A cámara mostra un plano cercano dos seus baixos e o espectador pode ver unha bomba cun reloxo que vai contando cara atrás o tempo. Só quedan dous minutos para que a bomba estoupe, pero os personaxes non paran de falar de cousas sen a maior trascendencia. O espectador pouco a pouco ponse máis nervioso, porque sabe algo que os personaxes non saben, e entón érguese e berra: érguete e vaite!.
Este é un truco para crear suspense moi empregado por Hitchcock. No caso do garfo, a bomba é o garfo, e o reloxo é o curasán e o tempo que tarda unha persoa en comelo, empregando un garfo e mollándoo coa saliva para que conduza mellor a electricidade.

Por outro lado temos o obxecto. O garfo.
Nesta acción emprégase o garfo desvelando unha personalidade del non coñecida ata o momento. Todo o mundo sabe o que é un garfo, un obxecto vulgarizado pola súa cotianidade e que nunca chega a trascender máis da súa humildade e pobreza. Nesta acción revélase mostrándose da forma máis violenta e mutando a súa forma (ver fotografía de abaixo). Este contraste entre simpleza e dramatismo é moi empregado tamén por Hitchcock, para dar suspense. Accións cotiáns que suceden xusto enriba dun dramatismo, e que fai preguntarse ao público, como é posible que non se dean conta?.
Este exemplo vémolo na película a soga, gravada nunha soa toma (en realidade creo que se gravou nunhas poucas tomas, facendo fundidos en negro por exemplo nun primeiro plano da chaqueta negra dun dos protagonistas, para que non se notara), donde a persoa asasinada atópase dentro dun arcón da casa, polo que asoma a soga, e sobre o que dous personaxes manteñen unha conversación do máis cotiá e vulgar, sen trascendencia.
Esta revelación do obxecto, esta liberación da súa cotianidade é a que se perseguiu co garfo.

JPEG - 15.5 KB

Esta é a imaxe do garfo "preparado" enpregado para facer o cortocircuíto.
Como podedes comprobar, as duas puntas do medio foron dobradas, para que así as laterais poideran entrar polos buratos do enchufe. Así mesmo forrouse o mango con cinta aislante para que o accionista non quedara electrocutado. Este é o garfo que o accionista levaba no peto do pantalón.