Entrevista sobre Setras por Xesús Fraga para a Voz de Galicia

Entrevista sobre Setras

Versión íntegra da entrevista realizada por Xesús Fraga para A Voz de Galicia e publicada o luns 29 de xaneiro de 2018. As ilustracións que aparecen no artigo (aínda que non o poña) foron feitas por Liqen

As voces íntimas do alfabeto.

Na presentación fálase do libro como un alfabeto sentimental. Onde se atopan eses sentimentos, nas propias características das setras ou na súa capacidade para comunicar, ou as dúas cousas?

Os sentimentos en relación ó alfabeto atópanse na escolla das setras. Parto do alfabeto galego pero inclúo o ll e o w. Outras letras como o j e o y, por exemplo, non os inclúo exclusivamente por razóns sentimentais. Na adolescencia sufrín bastante a discriminación por falar galego e é unha vinganza persoal.

No caso de ll e w si que as integro porque ó ser dobres dan moito xogo coas súas correspondentes parellas, tanto ritmicamente, polas súas cualidades sonoras e pola súa lectura estética.

Tampouco hai maiúsculas: por que?

As maiúsculas son máis rítmicas e non teñen tantos pregos. Son golpes rítmicos de maior ou menor intensidade ou de maior ou menor duración pero non teñen a calidade sonora e a riqueza ou variedade estética que teñen as minúsculas. Si collemos ó F, E, H, L por exemplo, vemos que as súas diferencias son sobre todo rítmicas. Pero as correspondentes minúsculas dan moito máis xogo tanto na súa acción (velocidades, acentos sonoros, curvas, pausas, acentos rítmicos), como na súa deriva metafísica.

Podería ser interesante facer un estudio das maiúsculas exclusivamente desde un punto de vista rítmico.

Unha parte moi interesante é a descrición, digamos, íntima das setras (h escapista, etc). De onde proveñen esas características propias de cada unha e como se manifestan?

Cabe dicir que aínda que o libro é unha teoría con certa intención científica en canto que propón un método para analizar as setras, ó mesmo tempo é todo o contrario xa que ó non existir un código sonoro para a escritura, danse moitas variacións e é absurdo intentar unificalas. Hai xente que fai o t con duas liñas cruzadas e outra que a debuxa sen levantar o lápis do papel. De aí que este sexa un estudo previo á linguaxe, que só fala dun dos posibles estados que poden adquirir as setras.

Aínda así, como ben dis, resulta curioso deixarse levar pola forma sonora das setras e ir descubrindo certas cualidades estéticas propias de cada unha, como que o a está construída por un movemento de péndulo ou que o x está baseada no suspense sonoro. Estas características proveñen dun xogo de subxectividades. Da propia subxectividade da setra e da subxectividade de quen a crea. E a partir de aí dun xogo de conexións. Nalgunhas setras foi fácil atopar estas conexións pero noutras levou moito tempo, varios meses debuxando e escoitando a mesma setra unha e outra vez ata que de repente aparecía esa forma íntima.

A maneira de manifestarse é diferente en cada un dos casos. Por exemplo o f é unha setra que se debuxa moi ben na imaxinación, flotando dentro da cabeza e escoitando a súa resonancia. Outras como o x necesitan a precisión nun momento dado de cada xesto sobre o papel. Precisa os seus golpes no chan.

Precisamente esa parte anterior podería emparentar o espírito das setras con algúns textos de Cortázar… non sei se coincides na conexión e que che parece.

Nunca o pensara pero agora que o dis venme á memoria o conto de Casa Tomada no que uns ruídos e voces expulsan da súa casa ós seus habitantes. Estes sons sen corpo recorda tamén ó acusmaser de Michel Chion, ese ser acusmático que tamén remite ó espectral, esa presenza que desafía as convencións da percepción e que tamén está no interior das setras, ese son que se separa do corpo.

Ese ser acusmático está moi ligado por exemplo co suspense sonoro de x.

A caligrafía era unha habilidade de uso case común ata hai un tempo, pero semella que a edición dixital acabou ou arrinconou esa destreza; porén, hai obradoiros e un certo renacemento disto. Como ves os usos da tipografía, da caligrafía, das artes baseadas nas letras, coma o graffiti, na comunicación artística?

Ó mellor o feito de escribir a man comeza a perder a súa funcionalidade e por elo pode liberarse máis facilmente da tiranía da escritura. Penso que agora pode reivindicarse en actividades máis subxectivas e creativas desde o punto de vista do seu propio ego. Pode manifestarse con máis liberdade e permitirse o gusto de ser máis críptica. Quizais por iso a acción de escribir vai volvendo a espazos máis creativos como a caligrafía ou o graffiti para expandilos. Nese sentido setras é un reflexo desa mesma necesidade.

Comecei a facer as setras porque o meu traballo de programador obrigábame a pasar moito tempo diante dunha pantalla. Quixen volver a facer algo manual e comecei a debuxar. Como facer letras non require moita destreza debuxábaas unha e outra vez, repetidamente, ata que de tanto facelas comecei a escoitar o seu son.

A min persoalmente interésame xustamente ese punto onde a letra se volve totalmente críptica, onde mostra aquilo que estaba tan agochado no seu interior que non existe un código para entendela, cando revela algo totalmente subxectivo pero que dada a súa honestidade conecta dalgunha forma con moitas cousas que se atopan ó seu carón. É así como a vexo en relación á comunicación artística, non comunica, é.

E, por último, o disco que vén co libro podería entenderse como un convite a crear montaxes ou paisaxes sonoras, ao mellor artellando mensaxes con este alfabeto. Como che gustaría que se puidese usar?

Si, é un convite para que a xente xogue coas setras. Eu imaxínoa collendo os vinilos e poñéndoos en varios pratos, pinchando con elas ben creando ritmos, buscando sonoridades, repetindo unha e outra vez o punto do i… Pero por suposto pode saír calquera cousa. Cada setra é un suco do vinilo. Reprodúcense en bucle ata que se levanta a agulla e se pousa noutro suco, noutra setra. Tamén están subidas a archive.org con licenzas libres (https://archive.org/details/Setras) para que poidan ser empregadas por calquera para o que sexa.

Agora tamén fixemos o sapis, que é un lapis sonoro ideal para crear setras. O sapis en lugar de ter grafito para debuxar ten un mirófono tan fino como a propia mina.

Entrevista sobre Setras por Xesús Fraga para a Voz de Galicia. Ilustracións de <a href="https://liqen.org/" target="_blank">Liqen</a>

Entrevista sobre Setras por Xesús Fraga para a Voz de Galicia. Ilustracións de Liqen