Entrevista a escoitar.org

entrevista

Escoitar.org, a paisaxe sonora da Galiza

02.09.2007
Unha aproximación ao son dun lugar é un achegamento ao seu patrimonio. Percibir, comprender e concibir a nosa identidade sonora, a dos nosos lugares e as nosas xentes, a súa coherencia e idiosincrasia, é o obxectivo do proxecto de gravacións sonoras Escoitar.org

MARGA TOJO

Que é? –díxome.

Que é o que? –pregunteille.

Iso, o ruido ese.

É o silencio…

(Juan Rulfo, Luvina)

A imposibilidade fisiolóxica de desconexión sensorial dun oído sen pálpebras fai do son un elemento continuo, unha música concreta, que é diferente en en cada espazo e en cada tempo. Este concepto designa unha formulación composicional, onde o son, en lugar de ser interpretado, convértese nun obxecto externo que posúe as súas propias coordenadas, a súa propia presenza. Non soa igual Mogor que a Graña, a cidade que o rural, as dunas de Corrubedo que as de Namibia. E ese ‘ruído” é identitario. E é a fonte da que bebe o proxecto Escoitar.org, unha asociación cultural dedicada á recuperación da memoria sonora galega que actualmente forma parte do Proxecto-Edición (CGAC, MARCO e Fundación Luis Seoane). A célula principal de traballo está integrada por Chiu Longina (antropólogo e coordinador), Juan-Gil López (musicólogo), Horacio González e Berio Molina (artistas e programadores), Carlos Suárez (etnomusicólogo) e Julio Gómez (historiador).

Centrada na configuración do mapa sonoro da Galiza coa participaciónb dos oíntes e a revalorización do Patrimonio Cultural Inmateriar, Escoitar.org atende a unha das liñas de investigación do Grupo de Investigación DX7 Tracker da Universidade de Vigo, e é apoiada pola Consellería de Cultura e Deporte -Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural–.

Por que decidiron gravar Galiza?

Chiu Longina. Xurdiu da confluencia de tres eixes enerxéticos: o colectivo SINSALaudio de Vigo, que leva case dez anos traballando co son en Galiza, a Asociación Alg-a preocupada pola democratización da arte e pola necesidade de traballar para a sociedade, e a forza que empurra desde o portal artesonoro.org na Rede, que tamén administramos nós. Estas tres liñas de traballo, sumadas ao interese pola Cultural Aural de Galicia, tiñan que conectar dalgún xeito e Escoitar.org é este terreo común, unha porta aberta para construir a representación aural do país.

Juan Gil. A principal finalidade do proxecto é fomentar e revelar o fénomeno sonoro como un espacio para o disfrute e o coñecemento, incentivar unha reflexión sobre o son como forma de coñecemento. Queremos establecer unha reflexión entorno ao poder do son e sobre a súa utilización, así como sobre o súa carga expresiva partindo desde unha perspectiva horizontal onde a realidade acústica de Galiza sexa configurada polos que a construen e a perciben e non polos discursos oficiais e verticais.

Berio Molina. E baixo esta ideoloxía que comenta Juan, Escoitar.org traballa na creación dun centro de documentación, consulta e creación da paisaxe sonora que sexa público, libre e colaborativo, leva a cabo actividades didácticas para difundir a paisaxe sonora e investiga e rexistra a paisaxe sonora galega (e o máis importante, ofrece unha ferramenta pública para que calquera cidadán poida facer o mesmo).Julio Gómez. Pola miña parte máis que protexer a paisaxe sonora creo na educación desa paisaxe. Vexo Escoitar.org como un medio para o ensino acústico que pode ser a mellor ferramenta de protección da paisaxe sonora. Aprender, educar, formar, respectar, etc.

O son é parte do noso patrimonio?

C.L. Nós, evidentemente, pensamos que é así. Pero non só o son dos discursos dos protagonistas da nosa historia (arquivo da palabra), ou os sons das músicas e instrumentos tradicionais, tamén son Patrimonio os sons dos lugares e dos ambientes. Os arquivos sonoros son unha fonte importante de información cultural, igual que os libros, documentos ou vídeos. Son testemuñas invaluábeis do devir humano.A Conferencia Xeral da Unesco aprobou en outubro de 2003 a Convención para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial, que entrou en vigor o 20 de abril de 2006 e que insta aos paises a crear programas e políticas para conservalo. Desde Galiza é o Proxecto Ronsel quen se encarga de construir esta sensibilidade. Nós, traballando cerca deles, esperamos que se entenda a importancia vital de rexistrar e conservar o son dos lugares.

E como é que comezaron vostedes a escoitar?

C.L. O oído non ten pálpebras, como dicía Pascual Quignard, non existe un elemento fisiolóxico que permita “apagar” o sentido do oído, como así ocorre coa vista. Cando non nos gusta unha imaxe só temos que darlle a costas ou pechar os pálpebras, sen embargo cando non nos gusta un son debemos fuxir del, non podemos evitalo, ocupa o espazo enchéndoo ata o momento en que o espectador toma conciencia de que o seu corpo está sendo moldeado en son, tanto física como emocionalmente. Cando durmimos a vista apágase, o oído permanece conectado, activo, atento aos perigos que poidan comprometer a nosa vida, convértese no sentido da supervivencia por excelencia. O son ten, entón, certo compoñente subversivo e incontrolábel, elementos que o apartaron historicamente das academias, e que dada a súa condición inmaterial, asociada inevitábelmente ao concepto de tempo (no caso das gravacións, a un residuo do tempo), non foi suficintemente estudado. Estamos seguros que a través da auralidade pódese abrir unha nova porta ao coñecemento humano.

Como soa Galiza?

J.G. Comprender o seu carácter acústico é o noso obxetivo, ainda non acadado. Despois poderémola comparar con outros lugares. Ademáis en Galiza, como en moitas outras rexións de España, construiuse una identidade con forte carga nacionalista a partir dun imaxinario moitas veces estereotipado e que persoalmente creo que pouco ten que ver coa realidade actual. Creo que é unha necesidade actualizar esta representación e nos intentamos facelo a través do son.

Se facemos un balance dos son que agora mesmo forman parte da base de datos de Escoitar.org pouco ten que ver co estereotipo que falo, abocado sobre todo a un carácter rural. Non obstante creo que é moi pronto para sacar algunha conclusión. Temos que asumir que o acceso a internet agora mesmo concéntrase nos espazos urbanos e isto condiciona en gran medida o resultado por iso estamos preparando unha serie de estratexias que nos permitan facer unha compensación.

Carlos Suárez Galiza soa a diversidade, e máis agora coa inmigración que chega a ela de todas partes do mundo, esta circunstancia achégalle a esta terra unha bagaxe sonora nova que se suma ao que xa lle era propio. Por outra beira moitos galegos tamén foron emigrantes e ao retornar á súa terra trouxeron as maletas repletas de sons que escoitaron nas terras onde traballaron e viviron durante tantos anos.

C.L. E non esquezamos a propia fonética da nosa lingua, sen dúbida o son máis característico do noso entorno acústico.

Hai diferenzas entre uns pobos e outros? As Rías Baixas soan sibilantes e as altas azoutradas, por ejemplo?

C.L. Por suposto que hai diferenzas. Insisto no acento da lingua, como elemento diferenciador, pero tamén os materiais desdes lugares, nos que se reflicte o son, configuran esa personalidade e carácter acústico. Nós estamos comprobando que os sons de pertenencia, aqueles que definen ese carácter acústico dun lugar, son os que os propios habitantes recoñecen dese xeito, así que é importante consultarlles aos habitantes de cales son estes sons. Tamén confiar en que o acceso universal a internet e a popularización da tecnoloxía sexa un feito, que sumado a unha axeitada educación poda permitir que tamén nos pobos participen os habitantes na configuración do mapa sonoro.

O mapa de Escoitar.org tamén recolle os silencios, un concepto que, malia ter xerado ríos de tinta, moitas veces como recurso fácil de malos poetas, non foi nunca respectado como entidade sonora. Como soa o silencio aquí?

J.G. Termos como “silencio” ou mesmo “ruído” non existen de forma absoluta, son conceptos relativos. Neste sentido alguén pode percibir un ambiente como silandeiro e estar interesado en conservalo nunha gravación. En realidade, existen espazos ou intres máis ou menos silandeiros. Nun silencio absoluto escoitariamos o funcionamento do noso propio corpo, un experimento que xa fixo John Cage a mediados do século XX. Aínda no caso de existir este silencio ideal sería imposible gravalo xa que o funcionamento da propia gravadora acabaría por rompelo. Polo tanto, deberíamos falar de “silencios subxectivos”. Ese é o sentido desta categoría que chamamos “silencio”.

J.G. Como di Juan, o silencio non existe. É unha metáfora que serve para contextualizar un discurso sonoro. É coma se falásemos en matemáticas do “límite” ou do “infinito”. É ese “quilómetro cero” que nos vale como referencia para traballar sobre esta unidade de medida, pero sempre ten un significado se o asociamos a outros sons porque, como xa dixemos, o ser humano non pode vivir en silencio. C.L. O Cluster Artesonoro.org, ao que pertence Escoitar.org, ten unha radio de silencio. Cando te conectas a ela aparece un cronómetro que conta o tempo que estás a agardar a que chegue o son. En realidade nunca chega, pero nese tempo de espera, que chamamos “silencio”, o oínte vai afondando nas capas sonoras que ten ao seu redor e vai abrindo filtros. Se te conectas pola noite a esta radio, na intimidade do teu cuarto, e esperas un bo rato, acabarás por oír perfectamente os detalles da túa contorna acústica. En Galicia temos a sorte de que a presión sonora media (imos chamarlle “o ruído ambiental”) non é moi alta, en comparación con outros lugares da península. Temos unha boa morea de espazos naturais no que é moi doado achegarse ao que poderiamos chamar “lugares silenciosos”. Este é o caso dos seis Parques Naturais e da extensa Rede Natura na que imos traballar nestes meses grazas ó apoio da Dirección Xeral de Creación e Difusión da Consellería de Cultura. Este proxecto chámase ‘Fonotopías de Galicia” e trata de recoller e conservar sons que están en perigo de extinción. Despois dos devastadores incendios de ano pasado perdéronse moitos e ricos nichos acústicos que unha grande maioría dos galegos non puidemos gozar.

Que outros arquivos sonoros hai no país?

C.L. O oficial é o ‘Arquivo Sonoro de Galicia” do Consello de Cultura, eles veñen desenvolvendo un estupendo traballo de recolección, conservación e posta en valor do Patrimonio Sonoro da Galiza, sen dúbida. Máis centrado, quizais, noutros aspectos do son e cun enfoque diferente ao que facemos nós. Escoitar.org céntrase nos sons ambientais, nos sons dos lugares, na acústica. O noso non é oficial, nin aspira a selo. Moitas veces dende os foros oficiais e as academias, o que nos chamamos ‘Torre de Babel”, esquécense aspectos importantes que a cidadanía considera dese xeito. Un deles e a posibilidade de que sexan os propios oíntes quen configure o que para eles é o seu patrimonio sonoro, pero hai outros nos que estamos a traballar como a publicación destes sons con licenza alternativas ao Copyright que permiten unha relación directa dos rexistros sonoros cos usuarios e ointes. Todos os sons que aparecen en Escoitar.org están publicados con licenzas Creative Commons, é dicir, calquera usuario pode baixalos, distribuílos, republicalos e copialos. Para nós o patrimonio sonoro do país é un ben común que non debe atender a aspectos de Dereitos de Autor. Por outra banda o acceso a eles debe ser universal e aberto, e eses son os principais ingredientes do noso proxecto.

E no ámbito internacional?

C.L. Cada país ten o seu arquivo sonoro oficial. Eles son tamén os depósitos legais das publicacións sonoras. Exemplos deste tipo de arquivos son a Rede Latinoamericana de Arquivos Sonoros e a Asociación Internacional de Arquivos Sonoros e Audiovisuais (IASA). Son organizacións gobernamentais que xestionan estes patrimonios aos que, na maioría dos casos, non é fácil acceder. Moi poucos teñen dixitalizado-publicado os seus fondos na rede co que se limita moito a súa consulta. Este é o caso da British Library National Sound Arquive, un dos máis ricos, a Bibliothèque Nationale de France. Département de l”Audiovisuel, o Arquivo Fonográfico de Viena e de Berlín, o Arquivo da Canción Popular Americana, as bibliotecas nacionais de Australia, Canadá, Alemaña, Suecia, España e un longo etcétera que gardan con demasiado celo os seus fondos e, noutros casos, cobran impostos por consultalos: por poñer un exemplo do contido destes fondos, a British Library xestiona os primeiros cilindros de cera que Edison utilizou para efectuar as primeiras gravacións da historia. Na mesma liña de traballo do noso proxecto (acceso público, participación cidadán, etc.) existen varios proxectos no mundo, un dos máis potentes está en Barcelona e chámase “The Freesound Project” e está auspiciado pola Pompeu Fabra. No País Vasco está “Soinumapa”, cun arquivo pobre en cantidade pero rico en actitude. E a nivel internacional hai uns poucos, nos destacariamos o “Wild Sanctuary” (integrado xa no Google Earth) e “Soundtransit”. Buscando estas palabras no Google accédese a eles.

E tamén agredimos o patrimonio sonoro? Temos pouco desenvolvida a cultura auditiva?

C.L. Existe unha clara hexemonía do visual sobre o sonoro. Posíbelmente a orixe deste feito sexa que a invención da imprenta –unha tecnoloxía que permitía conservar o visual e que acabou coa oralidade–, dista oito séculos da invención do fonógrafo. É moi posíbel que aquí estea o inicio desta xerarquía dos sentidos. Estamos traballando para dar respostas a este tipo de cuestións.